
«Numerao, numerao, ¡viva la numeración! ¿Quién ha visto matrimonio sin correr amonestación?». Aínda se moven os pes só lendo esa primeira estrofa do corrío venezolano que verbena tras verbena, voda tras voda, leva con nós desde que José Luis Rodríguez, El Puma, a popularizara en 1980. Xusto o ano no que se constituíron, ao abeiro da Constitución de 1978, os primeiros parlamentos autonómicos, o vasco e o catalán, seguidos no 81 polo galego e xa a partir do 82 as restantes 14 asembleas rexionais.
Tras catro décadas de traballo nas 19 cámaras lexislativas españolas é posible detectar certas dinámicas no parlamentarismo patrio. A iso dedica o politólogo Xavier Coller o seu recente libro La teatralización de la política en España, no que salienta, entre outras cuestións, que da análise pormenorizada da actividade lexislativa nesas 19 cámaras a imaxe que asocia a política ao conflito é relativamente falsa, dados os altos niveis de acordo que se observan ao longo do tempo. Por moito que a tendencia ao consenso é descendente desde o momento fundacional ata agora co incremento da polarización, o caso é que as leis se aproban cun apoio medio nas cámaras autonómicas que vai desde o 75 % (en Galicia) ao 90 % (en Canarias). Nas Cortes Xerais é do 82 %. Uns niveis de acordo no ámbito lexislativo que no terreo do propositivo xa atopáramos no Parlamento de Galicia: en todos os plenos da última lexislatura completa, a XI, aprobáronse 193 iniciativas de impulso á Xunta (proposicións non de lei). Delas, 94, case a metade (48,7 %) foron por unanimidade. Nas distintas comisións aprobáronse 587 proposicións non de lei; 403, nada menos que o 68,6 %, por unanimidade.
A significativa diferenza entre o nivel de acordo que se produce entre os mesmos protagonistas dependendo se interactúan en pleno ou comisión é precisamente un dos elementos que destaca Coller no seu estudo sobre a teatralización: nas comisións, nas que nin hai público nin apenas xornalistas, non é necesario resaltar as diferenzas, propias, polo demais, do debate democrático. Fóra dos focos, o acordo é máis frecuente que baixo eles. Coma os pavos reais, que locen a súa esplendorosa plumaxe cando se senten observados.
Aínda así, non todo é acordo nas comisións. O martes pasado, por exemplo, sen apenas focos e na de política territorial do Congreso, debateuse unha proposición non de lei do grupo socialista «relativa a reconocer y valorar el importante trabajo desempeñado por el Gobierno de España en la gestión de los fondos Next Generation en los municipios menores de 15.000 habitantes». Foi rexeitada. Ningún outro grupo apoiou a iniciativa socialista; nin sequera o que forma parte da coalición de Goberno, o mellor coñecedor da necesidade que algúns pavóns teñen de que lles louben a súa plumaxe. Era unha votación pouco transcendente, certo. Pero que describe, como as boas caricaturas, como están as cousas no Congreso. Lembren como segue o corrío do Puma: «Si no cumplo lo ofrecido nos podemos divorciar, ¡nos podemos divorciar! Para eso existen las leyes, que suelen todo arreglar. Pavo real, hu. Chévere, chévere!».