Dirección correcta en I+D..., pero falta intensidade

Juan M. Lema PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS

OPINIÓN

Marcial Guillén | EFE

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente publicouse o Informe Cotec correspondente ao ano 2023 sobre investimento en I+D en España, baseado en datos do Instituto Nacional de Estadística e de Eurostat. O panorama que presenta é alentador, xa que no 2023 o incremento respecto ao ano anterior foi dun 15,8 %, o segundo valor máis alto desde o 2006, e claramente superior á media da UE.

Por primeira vez superáronse os 22.000 millóns de euros, cunha participación dun 45 % do sector público e dun 55 % do sector privado (empresas, incluíndo as públicas, e entidades sen ánimo de lucro). Unha parte significativa do investimento empresarial finánciase a través de programas públicos, como os fondos Next Generation EU.

Máis de 282.000 persoas desenvolven actividades de investigación ou innovación en España, un máximo histórico.

Este incremento permite atinxir un valor correspondente ao 1,49 % do PIB, que, a pesar da tendencia converxente, aínda se afasta notablemente do valor medio da UE (2,25 %).

Se se mantivese esta dinámica, sería posible cumprir os obxectivos da Estratexia Española de Ciencia e Tecnoloxía, que pretende chegar ao 2,12 % para o ano 2027.

O esforzo investidor en España sitúase en aproximadamente 470 euros por habitante e ano, un valor moi inferior á media europea (862 euros).

A evolución de Galicia é francamente positiva, cun incremento interanual do 28 % (o máis elevado das comunidades autónomas, xunto co de Asturias), un dato que aínda resulta máis significativo considerando que desde o ano 2019 o incremento alcanza o 64,8 %, o segundo maior entre todas as autonomías, despois de Murcia, e moi superior á media estatal (52,2 %).

As diferenzas orzamentarias en I+D entre territorios son abraiantes, oscilando entre os 954 euros por habitante e ano no País Vasco (que xunto con Madrid, con 883 euros por habitante e ano, son as únicas comunidades que superan a media europea) e os escasísimos 136 euros por habitante e ano nas illas Canarias. Galicia sitúase nunha posición intermedia, ocupando o sétimo lugar entre as 17 comunidades, cun valor de 360 euros por habitante e ano, por detrás do País Vasco, Madrid, Cataluña, Navarra, Aragón e Castela e León. No período 2019-2023, Galicia foi a comunidade autónoma que máis incrementou o investimento por habitante, nun 55 %, moi superior á media estatal, do 42 %.

A análise da evolución do investimento en I+D en España ofrece unha lectura clara. Partindo dunha posición moi atrasada, no período 2000-2008 realizouse un esforzo importante de converxencia, truncado pola crise do 2009, que deu lugar a unha década de diverxencia crecente. Porén, no 2018 recuperouse unha dinámica máis favorable. Desde entón, en gran medida grazas aos fondos Next Generation Europe, a evolución é rápida, reducindo paulatinamente o diferencial con Europa.

En Galicia poderiamos concluír unha análise similar. Estamos liderando o crecemento entre as comunidades autónomas, partindo dunha situación inicial moi feble. Por iso, a nosa contribución ao investimento en I+D (4,2 %) segue sendo inferior á que nos correspondería segundo o noso peso no PIB español (5,2 %). O Informe Cotec considera que, en termos comparativos, Galicia pertencería ao grupo de sete comunidades «converxentes», nas que o nivel de investimento é aínda inferior á media, pero cun crecemento superior desde o 2019.

Ao contrario de España, en Galicia, a participación do sector privado é inferior á pública, probablemente polo peso importante que a nivel estatal están a acadar as grandes corporacións.

É imprescindible seguir apostando pola converxencia, mantendo, ou mesmo acelerando, a dinámica actual. Unha estratexia, encadrada no marco xeral estatal, que debería ser definida con claridade polas autoridades galegas. O novo plan galego de I+D debería constituír unha poderosa ferramenta neste proceso. A dinámica de converxencia, tanto a nivel español coma galego, podería truncarse se, tras a importante inxección económica achegada polos fondos Next Generation Europe, que rematan no 2026, non se habilitan novos mecanismos de financiamento. Agardemos que, como se recomenda no Informe Draghi, Europa manteña unha política expansiva en investigación e innovación.