Unha Galicia cada vez máis pequena
OPINIÓN
Que dirían vostedes dunha Administración que, logo de investir máis de medio millón de euros na formación dunha persoa traballadora durante varios anos, non fai o máis mínimo esforzo en mantela? Que dirían dunha Administración que non retén a persoas que son, ademais de brillantes, capaces de atraer financiamento externo, xerar impacto na sociedade e crear por si mesmas novos postos de traballo? Que dirían vostedes dunha Administración que promete estabilidade a persoas, na súa maior parte mulleres novas, que deixan os seus traballos no estranxeiro para vir vivir e traballar en Galicia e logo non cumpre co acordado? Supoño que dirían que esa Administración é ineficaz, fai unha mala xestión dos recursos ou, directamente, non ten palabra (nin corazón).
Pois, o vindeiro día 31 de decembro, as persoas beneficiarias das axudas María Zambrano, investigadoras de diversas áreas do coñecemento captadas a través dun programa de atracción de talento lanzado no seu momento polo Ministerio de Universidades, verán finalizados os seus contratos. Proxectos a medias, traballos a medias, promesas a medias, vidas a medias.
A responsabilidade da súa consolidación, en última instancia, depende da Administración autonómica: universidades (agora mesmo abafadas a nivel orzamentario) e, sobre todo, dunha Xunta de Galicia á que parece importarlle máis ben pouco, sen darlle solución a este colectivo logo de múltiples rogos.
As axudas María Zambrano son un exemplo; as Margarita Salas tamén. Pero realmente á Xunta de Galicia pouco parece importarlle a investigación. Nin cumprir o Pacto pola Ciencia, nin boas retribucións: saben que un postdoc de primeiro ano da Xunta cobra menos (descontando custos asociados á praza) ca un predoc (FPU) do ministerio de último ano? Segundo Investigal, o investimento no noso país en I+D+i é do 1,1 %, lonxe do 1,45 % do conxunto do Estado, e moi lonxe da media da Unión Europea (2,3 %). Non se dan conta de que investir en I+D+i é un bo negocio, xa que por cada euro investido veñen dous de volta?
A solución é relativamente fácil: faltan cartos, prazos e vontade política. A Xunta de Galicia debe abrir diálogo de forma urxente coas universidades e financiar un programa para consolidar as María Zambrano da Universidade de Santiago e da Universidade da Coruña, como está tratando de facer en solitario a Universidade de Vigo. Ben por esta última. O que non sexa así será un novo fracaso colectivo.
A unha Administración seria non se lle pode encher a boca falando de «talento mozo» e de estratexias «Galicia Retorna» se non é capaz de reter con políticas os bos científicos e científicas que ten. Xa pasou logo da crise económica iniciada no 2007 co grande éxodo dos que xa non volverán e que están por Europa, Asia, EE.UU., Canadá ou América Latina. E parece que volve acontecer. Galicia, así, é cada vez máis pequena. En persoas e en talento. E o seu Goberno tamén.