Nas festas do Nadal sempre caio nunha mestura de melancolía e saudade porque espertan en min moitas das pantasmas do pasado, esas ausencias que, segundo vas facendo anos, cada vez son máis numerosas. Sei que é bo lembralas, telas presentes. E celébroo, porque isto xa non é de todo posible para a miña nai, que non sempre é dona da súa memoria e o seu camiño aos recordos non só é impreciso, senón que a meirande parte das veces é moi imaxinativo. Ao principio, eu vía isto con tristura e miraba de a corrixir para que se amarrase con forza a unha realidade que xa daba en se lle escapar entre os dedos. Mais deixei de o facer, consciente de que cada un de nós posúe unha memoria e se identifica consigo mesmo tomando como referencia o seu pasado. E todas esas voces de atrás que adoitan constituírnos, porque a memoria é un compoñente primario da identidade do ser humano, no caso da miña nai adquiren outra dimensión porque esas ausencias que ela substitúe ou modifica coa imaxinación son moito máis amables e alegres cás miñas. Se cadra, todo isto é un escudo para ela contra o sufrimento. No seu caso, o esquecemento non é un feito pasivo, senón todo o contrario. Por iso, cada vez me decato máis de que a mellor opción é secundala, e acomódome nese mundo de ficción onde as pantasmas adquiren novas identidades e sentan á mesa canda nós para celebrarmos, este ano si, un Nadal moito máis optimista e necesario, porque tamén a realidade está a piques de nos traer a Airas, un membro máis da familia, ao que algún día non lle quedará outra que ordenar no Nadal, non sei se coa memoria ou un chisco de imaxinación, as súas propias pantasmas, entre as que estaremos, con certeza, a miña nai e mais eu.