Gaspar

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

JUANCHI LOPEZ | EUROPAPRESS

02 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre no medio, como se non tiveses importancia. Nas crónicas fálase moito da grandeza e a maxestosa presenza de Melchor. Tamén da humildade e dilixencia de Baltasar. Pero de ti, Gaspar, apenas. Porén, eu téñoche lei. Quizais porque vas sempre aí, no medio, cabalgando. Nesta España onde o medio deixou de ter relevancia, hai que regresar a ti, rei Gaspar. Mira se deixou de ter importancia o centro que o Goberno avanza (o de avanza é unha licenza poética) apoiado nos extremos. Ata a clase media, segundo afirman os economistas, tamén está devalando. E a nosa ancestral virtude, a dos galegos, iso de que nunca saben se subimos ou baixamos (porque estamos no medio) tamén vai declinando como o sol nos días deste inverno. Por iso eu, querido Gaspar, pídoche que nos devolvas a elegancia e a cordura e o sentidiño de estar en equilibrio. Coma ti no tránsito cara a Belén. Sempre me sorprendeu que cada ano, dende que nacín, sigades sempre á mesma estrela e a mesma ruta. Que se repita o milagre do neno Deus. Que obsequiedes ao pequeno con ouro, incenso e mirra. E, pese a todo, aí seguides os tres: paso a paso. Mesmo houbo intentos por borrar a vosa figura dos dicionarios do presente. En Galicia, hai anos, inventouse a un tal apalpador. O intento non tivo demasiada fortuna: era só un modo de borrar a vosa estampa real, de reis magos, do noso territorio. Aí seguides, máxicos. E ti, Gaspar, enfrontándote aos trebóns e ás chuvias: no medio. Oxalá o teu acougo, que é unha filosofía propia de Galicia, impere nos corazóns e nos intelectos dos que gobernan. Oxalá que a viaxe sexa grata, sen incidentes, ata o domingo pola noite. E, despois, cabalgar. E cabalgar. Serenamente.