
Rematando o 2024 saltaba aos medios a información inicial dun corte intencionado de cabos transmisores de enerxía eléctrica no fondo do mar Báltico. As sospeitas recaeron sobre un navío ruso e o método bruto usado: simplemente botar áncora, enganchar con ela os cabos e meter máquina. Á lembranza dos técnicos galegos viña logo o corte, hai moito, dun cabo de comunicacións dentro da ría de Vigo: fora culpa do patrón dunha lancha furtiva a mariscar co raño.
Os mapas de cabos nos fondos mariños sorprenden ás persoas que desfrutan de enerxía eléctrica e telecomunicacións coidando, en maioría, que os primeiros non existen e que as telecomunicacións intercontinentais se producen vía satélite artificial. Pois non, hoxe aumenta o número dos cabos submarinos de enerxía e crece de xeito abraiante o dos de fibra óptica. Xa non están só compañías de telecomunicación a tender os de fibra; fano tamén as transmisoras de contidos: véxase o caso da Google. A rede de redes, a internet, funciona globalmente grazas a cabos que poden ser vítimas de sabotaxe ou accidente (os arrastreiros son un perigo para eles). Para sabotar hai robots de gran profundidade, os mesmos que se usan para guiar o tendido dos cabos. ¿Como saír do perigo latente? Se cadra a ONU vai ter que consultar o espírito do capitán Nemo.