
É acertada a recente medida da Consellería de Educación de dedicar un tempo regrado á lectura en infantil, primaria e ESO. Atópanse os seus antecedentes na Orde do 31 de maio de 2001, publicada no DOG do 27 de xuño, pola cal, cando tivemos responsabilidades de goberno, establecemos un horario dedicado en exclusiva a ler, no primeiro ciclo da ESO. Pretendiamos que esta actividade, esencial para o adecuado progreso académico do alumno, non quedase relegada a un segundo plano pola presión horaria de novas materias e a implantación das tecnoloxías.
Saben ben os mestres que o alumno debe ler de xeito cotián na aula para conseguir fluidez e boa comprensión lectora, ademais de collerlle afección a esta tarefa, que o acompañará ao longo da vida, proporcionándolle momentos inesquecibles e unha mellora constante na súa formación. Lectura individual ou en grupo; en voz alta, con adecuada entoación e pronunciación, ou silenciosa; rápida ou profunda, marcando o máis importante, etcétera.
Para que o acto lector sexa eficaz requírese un esforzo que vai desde a velocidade ou concentración ata a comprensión e relación de conceptos; e para que se converta nun hábito é precisa unha práctica constante. As tecnoloxías deberían facilitar estes requisitos, pois contan con excepcionais ferramentas que permiten cambiar tipo, tamaño e cor das letras, facer anotacións ou resaltar palabras, converter texto en voz... Pero a realidade está a ser diferente e os aparellos tecnolóxicos fomentan a dispersión mental, ademais de relegar a un segundo plano a lectura e escritura, tal e como están concibidas no sistema educativo. A linguaxe icónica ou audiovisual despraza á textual e un código de comunicación rápido e carente de normas substitúe á linguaxe tradicional. Ademais, a tecnoloxía fomenta o aprazamento de responsabilidades e mesmo acaba por ser aditiva, ao ser utilizada non como un medio senón como un fin, e principalmente para o ocio.
Por estas razóns, ler un libro hoxe, aínda que sexa electrónico, resulta, para os rapaces, incómodo e infrutuoso. A súa mente está cada día menos conformada para esta tarefa e como consecuencia reséntense tamén os demais procesos comunicativos, imprescindibles tanto a nivel académico como persoal. Non se sabe escribir, nin falar, nin escoitar. Mentres o avance imparable das tecnoloxías da educación non solucione este problema, non é de estrañar que cada vez máis países e comunidades diminúan o uso de aparellos e fomenten, de novo, a lectura tradicional.