Polo AVE A Lugo

José Manuel Balseiro LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

08 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar do cuantioso investimento para modernizar a liña Ourense-Monforte-Lugo, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da empresa pública Renfe, segue privando aos veciños de Lugo da chegada da alta velocidade ferroviaria. Os trens AVE, os servizos máis rápidos, non circulan pola provincia nin tampouco chegan á capital lucense. E a única alternativa que ofrece é unha serie de ligazóns que fan depender as opcións de mobilidade dos lucenses a combinacións co AVE en Ourense que, a día de hoxe, son manifestamente insuficientes e que ademais sofren continuas incidencias, atrasos e avarías.

Lugo é hoxe das poucas capitais de España con cen mil habitantes que non terá AVE e esta discriminación evidente ten o seu fundamento na falta de vontade do Goberno que preside Pedro Sánchez, que nin executa as variantes ferroviarias comprometidas (Os Peares-Canabal e Rubián), nin corrixe o actual trazado ferroviario, por zonas sinuoso e con moitas curvas, nin garante a tensión eléctrica necesaria para que Lugo dispoña dun corredor ferroviario polo que poidan circular trens AVE.

O ano que comeza, 2025, daranos a oportunidade de corrixir esta manifesta inxustiza forzando ao Goberno de España a que asuma a súa responsabilidade e ofreza datas, investimentos e compromisos concretos para que o AVE chegue a Lugo en igualdade de condicións que o resto das capitais de provincia galegas. Os populares lucenses persistiremos nesta demanda, particularmente desde o Senado, convencidos de que a falta de interese de Sánchez e o seu Executivo non pode lastrar as oportunidades de dispoñer dunha provincia mellor comunicada. A realidade é que o Goberno de Mariano Rajoy deixou deseñado un proxecto a longo prazo e cuantioso, pero que faría realidade a circulación de trens AVE pola nosa provincia. Que se respecte e cumpra este obxectivo debe ser en 2025 unha prioridade non só política, senón de toda a sociedade lucense, cansa das discriminacións e malos tratos da Moncloa.