A noite de Reis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son unha privilexiada, pois pertenzo ao grupo de xente que lle gusta a noite de Reis porque saben que, ao espertar, aparecerán agasallos. Son os bos tempos. Unha ou dúas xeracións antes... os Reis o que carrexaban era moita envexa. Só uns elixidos recibían xoguetes; outros nada, ou unha laranxa. Con moita sorte, un pouco de chocolate.

Que conste que, co cara que está a vida, sorpréndeme que non volvamos a vivilos así. Quizais é que as prioridades mudaron considerablemente e os apuros pásanse outros días.

O caso é que felicito a Noite de Reis con emoción como se, ao facelo, enviase e compartise un chisco de maxia a quen llo digo. Gústame tamén a mañá do día 6, máis que polos agasallos que me deixen a min, polos dos máis pequenos da familia. É marabilloso o poder da intriga, a capacidade de sorprenderse. É un bo día para educar en valores. Un libro é un bo agasallo, o tempo compartido, tamén. Bo momento para falar da mesura, evitar moitos excesos. Ademais, velos xogar sen máquinas, nin mandos, nin pantallas, contaxia alegría.

Consigo almorzar roscón a pesar de desexar que remate este enchente interminable. Pero o mellor é unirme a facer traballos manuais, botar un parchís ou unha partida doutro brinquedo e, se se pode, saír dar un paseo, amodo, consciente de que logo deste día regresa o recollemento, a rutina. Reconfórtame o silencio da noite, co Nadal xa case metido en caixas. Chega o día de apagar as luces. Pero... como non me van gustar os Reis Magos se nos volven nenos?