Celebrar a morte

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoitamos celebrar máis a morte que a vida e iso non deixa de ser un pouco estraño e preocupante. Neste ano que comezamos o Goberno español conmemora os 50 anos da morte de Franco e, engádelle a este feito, talvez para non concentralo nun tema só lutuoso, a reestrea das liberdades. Non sei o alcance que terá esta celebración, nin se é precisa, pero, por incrible que poida parecer, hoxe segue a se dar esa falta de consenso para interpretar o franquismo máis alá dunha dualidade enfrontada entre os que pensan que foi unha ditadura cruel e os que estiman que non, ou que, como moito, se trataría dunha ditadura branda e necesaria. Esa sensación de que falar do franquismo é dalgún xeito volver enfrontar os uns contra os outros coido que nace no medo e na incapacidade de aceptar o pasado con naturalidade, e tamén nese período da transición con ese pacto de silencio e esquecemento, prematuro para moita xente, onde era unha sorte de tabú falar do franquismo. Non discuto que esa tregua, talvez necesaria, axudou a esquecer os rancores do pasado e xerou un esquecemento intencionado da historia e así non se furgou nela. Con todo, convén lembrar esa morte para explicar todo o que significou a súa vida na nosa historia e evitar así a tentación de reescribila constantemente por parte de sectores conservadores, moitos deles descendentes dos que firmaron moitas das sentencias de morte e que nos repiten ata o fastío que nas dúas Españas se ergueron as maiores atrocidades, entre outras cousas para non ter que admitir dunha vez por todas que os rebeldes franquistas implantaron un réxime totalitario, un sistema de represión bárbaro, un Estado fascista cunha ditadura militar implacable. Esa é unha realidade histórica. O demais, pura ideoloxía.