O dereito a quedar en Galicia

Serafin Pazos Vidal AO FÍO

OPINIÓN

María Pedreda

11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xerais publicou en novembro A Galicia do século XXI, obra colectiva de profesores da Facultade de Socioloxía da Coruña que dá conta das grandes transformacións económicas, medioambientais, demográficas e culturais que está a experimentar o noso país. Tendencias maiormente inevitables ou coma mínimo (caso do declive do idioma) só reversibles aplicando enormes esforzos. Semanas despois, o Consello de Contas ditaminou que as actuais políticas contra o declive demográfico non é que sexan ineficaces, é que realmente nin tentan afrontar o problema. Ante esta conxuntura cabe preguntarse se queremos tomar decisións por nós mesmos, ou ben que Madrid ou Europa nos solucionen os problemas. Ou que se solucionen por si mesmos: no caso demográfico, decidir a política de non facer nada e fialo todo aos inmigrantes económicos de ultramar... e aos futuros refuxiados climáticos do sur de España. Mesmo unha non-política precisa xestionar os cambios. O que a OCDE chama smart shrinking é prever a retirada progresiva do territorio: anticipar, con moito tempo, cando hai que pechar servizos no Hospital de Verín ou as escolas rurais, que alternativas e medidas compensatorias tomar (por exemplo, investimento en infraestrutura xeriátrica ante a bomba de senilidade que nos vén enriba, e onde). Para que, sabendo que servizos esenciais hai hoxe e existirán (ou non) no futuro, o cidadán poida libremente decidir onde quere vivir. Iso é o que o Informe Letta para a nova Comisión Europea chama o «dereito a quedar». Levamos catro décadas de pensamento máxico con cargo aos fondos europeos: diñeiro regalado para investimentos suntuarios sobre todo en infraestruturas (por exemplo, inzar de parques infantís onde non hai nenos), esperando que por si soas contrarresten o pulo das enormes forzas ás que estamos sometidos. Moito investimento, pero pouca coordinación. Sen consensos entre forzas políticas, Administracións, actores económicos e sociedade civil. Podemos seguir así ou facer algo revolucionario: acordar as grandes liñas para as próximas décadas. Iso é o que pide a UE: Galicia ten un plan para cada fondo europeo que hoxe en día non prevén case nada, nin onde se investirá, e que, malia cubrir o período 2021-2027, a xaneiro de 2025 ten gastado o 2 %. Dito plan, malia cubrir varias lexislaturas, nunca se acordou no Parlamento. Apenas foi consultado coas forzas socioeconómicas. Coma noutros territorios, independentemente da cor do Goberno, é unha billeteira á disposición da Consellería de Economía correspondente para ir gastando en función das necesidades. O «ti vai facendo» aplicado á política económica. Resultado: ao final, coma en períodos anteriores, os cartos iranse gastando na súa maioría (do período 2014-2020 quedou un 5 %) nas zonas máis urbanizadas, en grandes investimentos que absorban rápido os fondos. Sen unha avaliación obxectiva de se os investimentos afectaron directamente os desafíos que afrontamos. A alternativa: anticipar esas transformacións e decidir onde investir. No caso do declive demográfico no interior galego —das zonas máis afectadas de Europa—, pór en marcha un Plan Interior coxestionado con concellos e deputacións, no que se definan e se prevexan a futuro —vinte, trinta anos— servizos esenciais. Gobernar é decidir.