«Estuvo muy gracioso, pero una vez y ya está», dixo Broncano despois de presentar coa cómica Lalachús o programa de despedida do 2024 en TVE. Gracioso foi, e moito, canto fixeron para ofrecer unha fórmula nova des que el apareceu facendo alpinismo no tellado e tocou un bombo coa lenda «Fuerza Valencia»; cando berraron a dúo en plan colegas á Pedroche e Chicote, os rivais de Antena 3, «¡os mandamos besos. Os queremos!»; e cando saudaron a audiencia en catalán, galego, éuscaro e valenciano. Todo era gracioso, todo ía de fábula ata que a Lalachús se lle ocorreu mostrar unha estampa coa vaquiña do programa Grand Prix, de TVE, sobre a imaxe do Sagrado Corazón de Xesús. E nun plis plas a dereita ultracatólica arranxou unha cruzada contra Broncano, Lalachús e o director de TVE por ofender os crentes cunha estampa blasfema e cometer un delito de odio. A cruzada encabézana, claro está, as asociacións Hazte Oír e Abogados Cristianos, e está bendicida, claro está, pola Conferencia Episcopal. Hazte Oír e Abogados Cristianos non rascan bóla nos tribunais de Xustiza, e agora tampouco o farán, porque ningún xuíz vai ver «delito de odio» nesa imaxe, nin pensar que os presentadores interromperon as risas para ferir os sentimentos relixiosos dos católicos.
Por que mostrou Lalachús a estampa? Porque desde hai anos a mocidade vén facendo montaxes con imaxes relixiosas e rostros de personaxes públicos —Messi, Cristiano Ronaldo, Fernando Alonso, a cantante Rosalía— coma se os venerasen. Que é unha frivolidade? Si, como as camisetas co rostro de Xesús, tomado do pano da Verónica, que mozos e mozas levan aos botellóns, e que deben de gustar á Conferencia Episcopal porque nunca as criticou.
Entendo que Broncano non queira repetir a experiencia e que Lalachús estea disposta a volver cantas veces a chamen, porque as súas circunstancias son distintas. Broncano quere facer rir e Lalachús tamén, pero enfrontándose a cantos se mofan dela por ser gorda. A sociedade é cruel cos feos, os xordos e os gordos. O filósofo Fernando Savater é feo, e hai moitos anos Alfonso Ussía dedicoulle uns ripios aldraxantes por ser feo e roxo. Agora non o faría porque en ideoloxía política Savater está máis preto de Ussía ca do roxerío. En 1979, cando eu facía humor gráfico, publiquei unha viñeta cun homiño tristeiro e o texto: «O home que votou polas esquerdas sen saber que era de dereitas». Podía ser calquera, mesmo Savater, e eu respectaría o troco. O que non podo entender é que pintaba na esquerda aquel «filósofo da ética» que agora minimiza a pederastia na Igrexa, reducíndoa a «un simple magreo» e chama á Lalachús blasfema «la tía gorda esa». Déixao ir.