O 25 de xullo de 1950, poucos meses despois do pasamento de Castelao en Bos Aires, reuníase en Santiago, nos baixos do hotel Compostela, un grupo de amigos para constituír a que hoxe é a empresa cultural máis lonxeva do galeguismo. E digo do galeguismo, non só da cultura galega, porque con ese espírito a crearon os seus promotores, malia as dificultades obxectivas daquel momento. Houbo algunhas outras polas mesmas datas, ou en datas moi próximas, mais Galaxia foi a que perdurou, mantendo os a seus principios estratéxicos ao longo de todo este tempo: setenta e cinco anos! O pasado xoves presentou en Vigo o seu programa de celebracións.
Tiven a honra de dirixir a editorial durante quince anos. Antes ca min, Carlos Casares, e persoeiros da significación de Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Unha honra que nunca agradecerei abondo. A revista Grial, a Revista de Economía de Galicia (1958-1968), 3.500 títulos, máis de 1.500 autores e autoras en catálogo, sen contar os colaboradores das revistas, iniciativas moi diversas como as coleccións de discos que en 1967 ideou Xaime Isla coa editorial Edigsa (e que logo continuou a editora Xistral), producións cinematográficas e audiovisuais (A esmorga, en 2014, dirixida por Ignacio Vilar), coleccións de música e contos para os máis novos, traducións de clásicos e contemporáneos, exposicións itinerantes, escolas de letras, empresas para a proxección exterior (Mar Maior), etcétera. Sen contar as fundacións que se crearon na súa órbita (Fundación Penzol, Fundación Isla Couto, Fundación Otero Pedrayo).
Unha editorial non é unha fábrica de libros, aínda que o libro sexa o seu primeiro pulmón. En termos modernos, unha editorial é unha xestora de creación e coñecemento, centro de difusión e comercialización, cun proxecto estratéxico que no caso que nos ocupa é a construción dun país. Giulio Einaudi, un dos editores máis decisivos da Europa do pasado século, dividía estas empresas en dúas categorías: editoras de mercado e editoras de cultura. As primeiras están exclusivamente ao servizo do negocio. Tanto ten o produto e o discurso que se difunda. Mandan os beneficios. As segundas, as editoras de cultura, teñen un proxecto estratéxico detrás que axuda a construír valores como a xustiza, a liberdade, a dignidade dos seres humanos, neste caso: a lingua e a cultura de noso. Os beneficios non son económicos.
Son 75 anos de historia. Un milagre. Nestes tempos que corren, aínda máis. Os homes e mulleres que co noso esforzo e as nosas ideas, cos nosos textos e mesmo coas nosas pequenas ou medianas economías, nalgún momento axudamos a que este milagre fose posible sentímonos orgullosos desta andaina que os máis grandes un día iniciaron (Otero Pedrayo, primeiro presidente do consello de administración), e que na vertixe dos tempos quere continuar.