
Houbo un tempo en que a televisión tiña un poder case omnímodo para controlar o voto e o pensamento dunha boa parte da sociedade. Eran tempos exclusivos para estes medios masivos porque estaban en todas as casas e non competían con máis formatos que os da prensa e as conversas de bar. Saír na televisión era algo totalmente extraordinario e con certo valor. Lembro o meu pai, que tivera un papel moi secundario na serie Los camioneros de Sancho Gracia, e mesmo algúns emigrantes galegos que o coñecían o chamaron dende o estranxeiro, porque a serie se puxera tamén en Alemaña e Suíza, para o felicitar por eses escasos vinte segundos nos que aparecía en pantalla, facendo de si mesmo na curva da praza Maior. Hoxe esa influencia televisiva reduciuse drasticamente, e non se entende de todo a obsesión desmedida dos partidos por meter man neses entes de información pública, tanto autonómica coma estatal, para os converter nun lugar apracible e partidista. Ese poder omnímodo da televisión hai tempo que pasou ás redes e a outros espazos máis accesibles para espallar noticias, falsas ou certas, coma se fosen un andazo. De nada serve que aquí, coma en moitos outros países, haxa regulacións e leis que procuran manter a independencia editorial e os excesos da información, sexa do tipo que sexa. Nas redes non hai filtros e esa idea trasladouse tamén a moita prensa, non só dixital, que, para resultar máis atractiva se deixa levar pola creación de relatos inspirados en calquera trola provinte ou non das redes. Pon medo pensar no que lle agarda ao mundo da información coa toma de posesión de Trump, rodeado por oligarcas excéntricos coma el, donos das tecnolóxicas, que nos farán botar de menos a exclusividade da televisión, aínda que sexa manipulada.