O 18 de marzo de 1990, dous homes disfrazados de policías entraron no Museo Isabella Stewart Gardner de Boston e roubaron cadros de Vermeer, Rembrandt, Manet e Degas por un valor de máis de 500 millóns de dólares, no que foi un dos meirandes roubos de arte da historia. Inda así, non é comparable co furto que se está a producir hoxe en día e que afecta a millóns de creadores en todo o mundo. Para entender a magnitude deste proceso, primeiro hai que entender o concepto de propiedade intelectual polo cal calquera ilustración, cómic, artigo, obra literaria, canción, película, etcétera están protexidas por uns dereitos exclusivos dende o mesmo momento da súa creación. Esta protección debería impedir que ninguén poida explotar estas obras sen o permiso do autor.
As empresas que durante os últimos anos presentaron programas de intelixencia artificial xenerativa (IAX) están a facer varridos masivos en internet para apropiarse ilegalmente de millóns de textos, música, imaxes e vídeos para usalos nos adestramentos das súas IAX. Fixérono sen preguntar, utilizando a táctica de feitos consumados e argumentando que era «polo ben da humanidade» ou que «é unha ferramenta máis, como foi a imprenta no século XV ou os ordenadores no século XX». É moi curioso ver como por unha banda estas empresas son moi flexibles á hora de vulnerar a propiedade intelectual dos demais e por outra como son extremadamente coidadosas á hora de protexer as patentes dos seus algoritmos, programas ou produtos tecnolóxicos.
No medio desta xigantesca fraude, os creadores botaron a andar iniciativas para intentar defender a propiedade intelectual das súas creacións, pero están a chocar contra megacorporacións cun valor económico superior ao de moitos países do mundo. Por se isto fose pouco, o Goberno español, a través do Ministerio de Cultura, presentou un decreto lei sobre este tema no que non só non protexía as nosas obras, senón que autorizaba o seu uso para adestrar IAX. Un decreto lei que afortunadamente se retirou onte mesmo porque non contaba co apoio expreso dos artistas implicados e no que podiamos ler frases tan alarmantes como que «no será precisa la autorización del titular de los derechos de propiedad intelectual para la reproducción de obras y otras prestaciones accesibles de forma legítima realizadas con fines de minería de textos y datos».
Como ilustrador teño un sentimento de impotencia ante semellante espolio masivo. Vexo abraiado a impunidade coa que todo este proceso está a suceder e son pesimista ante a posibilidade dun futuro construído sobre anos de precarización do traballo dos ilustradores e no que cada vez está máis cerca a morte do artista. Hoxe celébrase en Galicia o Día da Ilustración, e gustaríame que fose non só para poñer en valor o noso traballo e subliñar a grande importancia que a ilustración ten dentro da historia da arte, senón tamén para alzar a voz e defender o noso traballo e os lexítimos dereitos que se derivan del.