
A cidade é vida e mercado. Canto mellor vai a economía, máis se especula co solo e téndese a excluír os colectivos máis débiles. Para corrixir estes desequilibrios, o planeamento intenta construír ordenadamente a cidade e a súa expansión, enlazando os distintos sectores mediante os espazos públicos.
Canto máis viaxa a poboación global, maior é a presión inmobiliaria. A vivenda e o solo son o mellor refuxio para os activos financeiros, que se mesturan e enfrontan aos que posúen ou tratan de adquirir a vivenda como investimento familiar a longo prazo. Logo virán as crises a provocar o afundimento dos prezos e a quebra de moitos, mentres algúns medran sempre.
A marca España, cunha economía potente, ten un ADN inmobiliario peculiar, que se orixinou xa na Lei de Ensanche de 1864 e arrequece nas últimas décadas mercé á irrefreable puxanza turística, xeradora de emprego e demandante de vivenda. Uns danlle a benvida e nunca parecen satisfeitos, pero outros abominan das tensións que provoca. Na última década a vivenda encareceuse un 60 por cento; unha recente publicación de Eurostat afirma que ese incremento do prezo duplica o índice europeo. Paradoxalmente, a baixada dos tipos de interese e o conseguinte abaratamento das hipotecas resulta absorbido polo encarecemento dos pisos, que pasa a engrosar os beneficios da promoción.
O peor é que nos últimos anos deixouse de construír vivenda protexida e a promoción quedou en mans do mercado inmobiliario. As medidas de taxación dos prezos nas zonas tensionadas darán algún resultado, pero tamén fomentarán a picaresca. Non queda outra que construír para ofrecer alugueiro a prezos accesibles a propios e migrantes.
Nas cidades galegas sobra solo urbanizable planeado. A esixencia dos deberes económicos e urbanísticos dos propietarios non adoita ser un obstáculo. O máis difícil é, para entendernos, converter as leiras en soares mediante sistemas de xestión colaborativos do planeamento parcial que supoñen un calvario para a Administración local. A demora non sempre se debe a desidia municipal senón a que, con frecuencia, as discrepancias terminan nos tribunais.
A lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos propón axilizar os trámites mediante a expropiación dos ámbitos programados no planeamento. Quizais sería posible compartir a xestión entre a Administración autonómica e a local; así aspirábamos a facelo en Santiago, hai décadas, por mediación do Consorcio da cidade, coa vantaxe da participación económica da Administración central.