![](https://img.lavdg.com/sc/rdbXycCEk_JFi9MNPDsoqqXIF8E=/480x/2025/02/05/00121738775581603409263/Foto/cf2c2f2.jpg)
Arrecende a entroido no sur de Ourense, que é como dicir que arrecende a entroido en todo o noroeste. As mimosas comezaron a abrir e, con elas, ha de abrirse o corazón do territorio. Eu chámolle frenesí. Unha excitación vigorosa. Un rebulir dos adentros. Un balbordo de bolboretas, lindas, na pel. Porque cando arrecende a entroido é primavera no país dos galegos, aquí. A loucura do carnaval resulta saudable. Dirán que comemos (e bebemos) malamente. Pero tamén dirán (digo) que entre tanto destrozo convén redimirse. Redimirse do carro da compra, alugueres polas nubes, sindicatos manifestándose contra a oposición, política de voo baixo, inflación e honorarios que non dan para acabar o mes. Podería continuar pero deteño o curso do deterioro. O entroido é unha redención. Recupéranos da tristeza. Borra as fronteiras entre os teus labios e os labios del, dela. Levanta o sol como unha bandeira contra os exércitos desesperados da mentira, a ofuscación e o poder. Rebélanos contra a estupidez. Perdóanos as maldades. Sálvanos do tedio. Emociónanos, alégranos, cántanos as cancións prohibidas que en Verín seguen sendo a banda sonora de febreiro. Frenesí. E tamén unha certa necesidade de facer unha paréntese. De mirar o ceo azul aínda que o ceo azul estea cheo de negrores. O Paco Mariló porá o seu sombreiro negro. Non deixará de repetir que é necesario alimentarse ben nestes días. O Bernardo dirá que si. Eu, tamén. Entre outras cousas porque nunca lles quito a razón ao Bernardo e ao Mariló. Arrecende a entroido na miña tribo. Este ano cae alto (2 de marzo, domingo), pero en Verín xa soan os chocos, e a alegría vai derramándose nas rúas. Libertina e entusiasta. Frenesí.