
Nunha entrevista recente, Xosé Manuel Beiras definiu o lusismo como un «disparate», pois provocaría o abandono das nosas palabras. «En galego dise lagoa, non lacuna», dixo. Non é a primeira vez que o respectado político emprega este exemplo, por iso me vou permitir corrixilo: as lagoas en portugués son, tamén, lagoas. E aproveitarei o comprensíbel equívoco para explicar como o portugués e o galego acostuman estar máis preto do que podería parecer nunha aproximación superficial.
Esclarezamos primeiro que, entre países que falan unha mesma lingua, hai centenas de diferenzas. Os nosos cuartos de baño, por exemplo, son casas de banho en Portugal e banheiros no Brasil. O lusismo quere aplicarlles as mesmas regras ortográficas (quarto de banho) para facilitar a circulación de textos galegos na Lusofonía (e viceversa), pero non abolir a diversidade. Así que, efectivamente, se en portugués chamasen lacunas aos pequenos lagos, sería un «disparate» que aquí alguén pretendese suprimir as lagoas.
Pero entón que lacuna confundiu Beiras con lagoa? A lacuna portuguesa nada ten que ver coa auga, aínda que a semellanza co español laguna nos poida levar a engano. Significa «lapso», e é un dos moitos latinismos adoptados por linguas europeas desde o século XVIII para conceptos abstractos, xa que en latín a palabra significaba, entre outras cousas, «oco». No español, a proximidade fonética entre o étimo lacuna e o termo popular laguna que xa tiña valor hídrico, motivou que este último fose o adoptado para todo, e os «lapsos» e os «pequenos lagos» ficaron co mesmo nome.
E en galego? No falado, a de auga mantívose como lagoa, pero recorreuse ao castelán laguna para a da memoria, así que, cando comezou a ser ensinado na escola, había tres opcións: deixala (laguna); devolvela á raíz (lacuna); ou traducila como símil acuático (lagoa), que foi o que ao final se fixo. Trátase dun castelanismo semántico. Todo ben, está lonxe de ser o primeiro ou o último, pero conste que, para os lusistas, as lagoas continúan a ser as mesmas que sempre foron, na Coruña e en Lisboa.