Ser e estar

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Stephen Nellis | REUTERS

11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O galego-portugués comparte co castelán unha característica única entre as linguas latinas: distingue rotundamente entre ser (condición permanente) e estar (condición mutable). O catalán xoga cos dous verbos dun xeito menos preciso. O inglés, lingua franca para todo, mesmo para a ciencia, non dá distinguido: «To be» vale para calquera estado.

A precisión dos idiomas latinos con máis proxección no mundo (os ibéricos occidental e central) supón unha vantaxe lingüística no caso da computación cuántica, que se basea nos estados das partículas subatómicas. Isto é importante, por exemplo, para falarmos do que xorde cos ordenadores cuánticos: a nova criptografía. A xa clásica representa un estado «sido» (permanente e previsible) e confía a súa potencia á dificultade para resolver problemas matemáticos. A cuántica baséase nun estado «estado» (transitorio e dependente da observación). Unha chave cuántica non «é» ata ser observada, e calquera intento de intervir na súa transmisión modificaría os seus valores.

A lingua condiciona o pensamento. ¿Como vai repercutir na computación cuántica a habilidade natural dos ibero-falantes para asignaren verbos a estados? O tempo dirá. O importante é canto acheguen os nosos científicos e tecnólogos á «posta na rúa» dos ordenadores coa nova tecnoloxía.