Amor altruista

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais nos tempos nos que vivimos sexa máis necesario ca nunca celebrar o amor. Non falo do amor romántico-comercial que estes días tingue de vermello os escaparates. Falo desoutro amor que ás veces esquecemos, o amor invisible e desinteresado que move o mundo (a pesar de que sexa a violencia a que acapare os titulares). Cando estalou a guerra en Siria, o meu amigo Kinan Azmeh, clarinetista e compositor de Damasco, sempre presentaba unha das súas obras dicindo que «namorarse é un dos poucos dereitos que ningunha autoridade pode arrebatar». E esas palabras sempre me facían reflexionar sobre os moitos tipos de amor que forman parte das nosas vidas, e sobre o papel que teñen no noso día a día o amor fraternal, o amor altruísta, o amor familiar, o amor propio...

Na cultura do narcisismo na que nos atopamos, cultivar estes tipos de amor pode que sexa mais importante ca nunca, pois non é nada difícil caer nesoutro mundo no que o noso «eu egoísta» importa máis que nada e ninguén, esquecendo as necesidades dos que nos rodean. O mundo das redes sociais semella estar deseñado para precisamente iso: nutrir narcisismos... E na cultura do medo na que se están a aferrar agora mesmo moitos países, ese amor que aporta benestar aos demais, o amor altruísta, ou ese amor fraternal ou familiar, pode que sexa o único ao que se poidan agarrar moitas persoas para, literalmente, sobrevivir.

Si, Kinan Azmeh tiña razón, o amor é «un dereito que ningún goberno pode arrebatar», pero quizais tamén sexa unha responsabilidade que temos que asumir, especialmente arestora que o amor altruísta e desinteresado, o que procura o ben alleo, parece que está en perigo de extinción.