Eloxio do breve

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Wikipedia

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sebastián Gracián, xesuíta escritor do século XVII, aragonés de nacemento, é o autor da frase «o bo, se breve, dúas veces bo», que condensa todo un tratado sobre a escritura. A súa obra máis importante, O Criticón, está considerada como unha das grandes novelas da literatura universal, foi encomiada por Nietzsche e Shopenhauer e influíu na obra de ambos escritores. Gracián é un pesimista radical, considera que o mundo é un espazo hostil no que as aparencias triunfan sobre á verdade, e que o ser humano é unha criatura despreciable, débil, egoísta e enganosa. Ao longo da súa vida granxeouse multitude de inimigos, entre eles membros e autoridades da súa orde, que chegaron a castigalo con xaxúns rigorosos a pan e auga, e a privalo de papel e pluma para impedirlle escribir. As súas recomendacións para sobrevivir nese mundo inclúen o disimulo e mesmo o engano. Puxo como modelo de conduta ao rei Fernando o Católico.

Vostedes estaranse preguntando por que lles falo de Gracián. A resposta é que as series que estou a ver nestes últimos tempos son o contrario do eloxio do breve: o que se pode resolver en dez capítulos alóngano ata trinta ou máis, provocando no espectador a sensación de que aquilo non se acabará nunca e que é inútil esperar unha solución aos problemas que se expoñen. E, aínda por riba, acaban anunciando unha posible continuación que non se sabe se chegará a rodarse.

Quizá vostedes sexan máis pacientes que eu, e non lles moleste a falta de concreción, pero, en todo caso, non deixen de botar unha ollada á obra dese gran pesimista e gran escritor que foi Sebastián Gracián.