Tecnoloxía e creatividade, claves do futuro da industria audiovisual galega

OPINIÓN

CESAR QUIAN

17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector audiovisual galego vive un momento de crecemento sen precedentes. Nos últimos anos, Galicia ten demostrado o seu talento a nivel nacional e internacional, con producións que gozan dun gran éxito tanto en cine como en televisión. Series líderes de audiencia, como Rapa ou Clanes, ou filmes como Matria e O Corno son exemplos recentes da capacidade creativa e produtiva da nosa industria.

Este sector clave para a nosa economía e cultura dá un paso de xigante coa posta en marcha de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España. Con esta infraestrutura pioneira, Galicia sitúase na vangarda da industria audiovisual internacional, converténdose nun hub de referencia para as grandes producións.

A Deputación da Coruña liderou este proxecto cunha inversión de 9 millóns de euros, cofinanciados cos fondos Next Generation do Plan de Recuperación do Goberno de España. Situado na Cidade das TIC, sobre os terreos da antiga fábrica de armas, o CEI representa unha gran revolución tecnolóxica que transformará o xeito de facer cine e televisión en Galicia. Un espazo onde a tecnoloxía e a imaxinación se unen para contar historias como nunca antes.

Este estudo de 2.000 metros cadrados conta cunha tecnoloxía inmersiva de última xeración, que permite a creación de calquera escenario real ou imaxinario sen necesidade de saír do plató. Dun deserto a unha cidade futurista, dunha persecución en Londres a un atardecer en Fisterra, as posibilidades son infinitas para os creadores audiovisuais. Ademais, está deseñado para atender as necesidades do cine, a televisión, a publicidade, os videoxogos e outras formas de contido audiovisual, abrindo un abano de oportunidades para a innovación e a experimentación creativa.

O impacto do CEI vai moito máis alá dunha infraestrutura de primeiro nivel. Supón unha aposta estratéxica pola modernización e profesionalización do sector, impulsando a creación de emprego e a retención de talento en Galicia. Hoxe, a industria audiovisual representa máis do 30 % da actividade cultural da nosa comunidade e mantén máis de 4.500 postos de traballo. Grazas ao CEI, este sector reforzará a súa competitividade e capacidade para captar grandes producións, consolidando o ecosistema creativo e tecnolóxico de Galicia.

O CEI será xestionado por Pedralonga Estudios, unha alianza formada por dez das principais empresas galegas do sector audiovisual. Esta colaboración entre o sector público e privado garante unha xestión eficiente e unha aposta decidida pola excelencia, a innovación e a proxección internacional. A unión fai a forza, e este proxecto demostra que un sector unido será aínda máis potente e competitivo a nivel global.

Con este proxecto, Galicia entra de cheo na era da produción virtual, ofrecendo unha infraestrutura única en España e referencial en Europa. A Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico e cultural da nosa provincia, apostando pola innovación como motor de crecemento. O CEI non só mellora as capacidades do sector audiovisual galego, senón que o coloca no mapa da industria global.

O futuro do audiovisual xa está aquí, e Galicia está preparada para lideralo.