
Estamos inaugurando unha nova era. Neste 2025 debemos asumir xa a mudanza de era que leva xestándose dende hai máis de dez anos. Donald Trump e os seus saben ben o que queren, saben ben o que fan, pero podemos estar certos que non saben onde van. Escoller Múnic para apazugar a Rusia e desprezar a Europa —a paz en Ucraína xa se verá— non é casualidade, coñecen o significado de Múnic-1938, queren asustar nese escenario histórico, deixar atónita a Europa, paralizala, o mesmo que Musk facendo un saúdo romano nada equívoco pero moi desconcertante. A súa arte da provocación.
Queren desembarazarse de Europa, aparecer como pacifistas cara os seus, evitando gasto militar e enredos bélicos, para dedicar o orzamento a outras carreiras tecnolóxicas; centrarse na guerra comercial que van provocar e aspiran a ganar. As súas provocacións para unha guerra tarifaria parecen estar calculadas na estratexia de favorecer as forzas produtivas de EE.UU. e artellar unha economía mundial ao seu servizo, polo menos unha parte dela, a da súa área de influencia. Os anuncios de aranceis buscan o efecto de disciplinar aos socios comerciais tradicionais e obrigalos a negociar no seu campo de xogo arancelario. Despois dos aranceis vén a autarquía para impulsar as forzas produtivas internas, a reindustrialización dos estados norteamericanos sería o resultado de gañar esa guerra comercial coa que ameazan e que consideran que necesitan desatar para lograr os seus fins internos.
Esta lóxica económica imperial non é nova, nin resultará estraña a Rusia e China, os interlocutores cos que o Goberno dos EE.UU. parece querer repartir o mundo. Racha as lóxicas do libre comercio dos últimos oitenta anos. Por iso é tan incrible para os analistas e para o mundo económico actual. Temos que ollar moi atrás no século XX, como fai o neopopulismo nacionalista norteamericano, para entender por onde queren ir. Ten armas Europa fronte a isto? Ten, pero vai ter que buscalas, escollelas e logo acordalas. E ten que facelo axiña.
E politicamente, onde pode querer ir Trump? Repetir Ialta-1945, Múnic-1938, é imposible, pero Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Romanía, lindantes con Rusia, xa están en garda. A dereita democrática europea quedou sen fala, estaba empezando a dialogar coa extrema dereita, en España —onde primeiro—, en Austria, había síntomas en Alemaña, e vai ter que coutar ese camiño. Porque o que se plantea para Europa non é un problema de modelo, é un problema de barbarie, a dereita democrática non pode ganar eleccións en Europa cos marcos de Trump. Meloni quedou calada, o que diga Orbán vai deixar de importar, o do líder de Eslovaquia será irrelevante. Veremos que pasa o 23 en Alemaña. De entrada, en París, chamados por Macron, británicos, polacos, franceses, alemáns... falan de guerra comercial e convencional.