Falsas sorpresas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Kevin Lamarque | REUTERS

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez é máis difícil sorprender, por iso resulta curioso que algúns aspectos chamen a atención vindo de quen veñen. Anda na boca do mundo unha imaxe con tres protagonistas: Donald Trump, Elon Musk e o fillo deste. O que fagan os dous primeiros non debera ser fonte de estupor. Corremos un gran risco porque teñen poder e calquera idea peregrina que se lles cruce a cabeza coma un lóstrego pode plantar neles a sede da ambición, lanzándose a por ela sen ningún miramento. Non importa a quen prexudique, non senten aprecio polas vidas alleas, o maior dos perigos. O terceiro en discordia ten seis anos. Chámase X porque non lle permitiron poñerlle X Æ A-12, pois o Æ e o 12 non pertencen ao alfabeto inglés e as leis de California evitaron a parvada. Á filla seguinte puxéronlle Exa Dark Sideræl, pero dinlle Y. Como ten trece descendentes dálle para inventivas varias. Daquela, se xoga deste xeito cos fillos, que non fará con alleos? Que apareza cun pícaro ao lombo nunha reunión co presidente dos Estados Unidos é o de menos. A sorte é que ao devandito rapazolo non se lle ocorrese lanzar un desafío a Trump, pois este, por quedar por riba dun cativo, é capaz ata de arrasar a antena da torre Eiffel cun caza. Iso por poñer o primeiro disparate que se me ocorreu a min, afeita a escribir contos infantís. Imaxinan que argallaría alguén que concede entrevistas mentres fuma porros e bebe whisky ou outro que paga polo silencio a actrices porno? Velaquí os que dirixen o mundo. Sorpresas as xustas.