Pensamento propio

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

MAANSI SRIVASTAVA | EFE

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son tan ignorante, e estou tan fóra de xogo, que non sabía o que era un NPC. Lendo esta semana, ou mellor dito, vendo un vídeo-ensaio de opinión do xornalista Ezra Klein para The New York Times, tiven que pararme a buscar información sobre os Non-Player Characters (Personaxes non xogadores) que habitan o mundo dos videoxogos. E canto máis lía sobre os NPC, sobre a cultura dos memes relacionada cos NPC, e sobre o seu papel na política e nas redes sociais, máis me daba conta do desactualizada que pode chegar a estar unha sen sequera decatarse.

Nos videoxogos hai unha serie de personaxes que non están operados por ningún xogador, que simplemente habitan os espazos nos que se xoga, e actúan de xeito automático e guionizado, eses son os NPC. E polo que entendo, hai uns anos que se comezaron a popularizar os memes dos NPC coma metáfora-insulto de aquelas persoas que repiten as consignas do pensamento progresista, coma se estiveran programadas para facelo, e realmente non tiveran personalidade ou pensamento propio. E son precisamente os seguidores da ideoloxía trumpista os que viralizan o seu uso.

A miña ignorancia sobre os NPC levoume a cuestionar a miña perspectiva, pois, a pesar de facer o posible para estar informada e conectada, sei que a miña é unha realidade privilexiada. Son eu tamén esa persoa que repite as consignas coas que se identifica sen cuestionalas? Pois non o sei. O que si sei é que o pensamento propio, o que nace do tempo que se toma cada un para aprender, pensar e reflexionar, é cada vez máis escaso, e hoxe é máis necesario, e máis difícil ca nunca, ter unha opinión non nesgada sobre todo o que está a acontecer arredor do mundo.