Yolanda Díaz: escolas infantís 24 horas?

María López Sández
MARÍA LÓPEZ SáNDEz ACADÉMICA DE NÚMERO DA REAL ACADEMIA GALEGA E ESCRITORA

OPINIÓN

Fotograma del cortometraje Alike
Fotograma del cortometraje Alike Rafa Cano Méndez, Daniel Martínez Lara.

23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que as escolas infantís deixaron de chamarse garderías, mais a xente da miña xeración lembra perfectamente este termo, etimoloxicamente pouco afortunado, pero, malia todo, ateigado de connotacións tenras para os que fomos a elas alá polos anos 70. Mudar o nome implicou un troco de mentalidade, de concepto, pasando de concibilas como un lugar meramente de coidados a outro cun proxecto educativo e profesional. Como nos lembra unha marabillosa Molly Wright de 7 anos nunha famosa Ted Talk, os primeiros 5 anos de vida son particularmente importantes e nese tempo é esencial que conecten, falen e xoguen connosco.

A interacción significativa, de igual a igual, que non tolera grupos grandes nin ser tomados como unha masa colectiva, é esencial no desenvolvemento: da linguaxe, das emocións, da seguridade. Nun contexto de redución de xornada laboral e dun futuro no que IA suplirá moitas tarefas rutineiras deberiamos volver os ollos á infancia, soñar coa posibilidade dun mundo onde traballar e ter fillos non resulte case incompatible, un mundo no que dispoñamos de tempo para compartir, para vivir.

As escolas xogan un papel decisivo nas vidas de nenos e nenas e son elementos clave da conciliación, mais cómpre pórmos o foco no que de verdade importa e construírmos sociedades nas que uns e outros, adultos e nenos, leven vidas felices e razoables. Ese marabilloso vídeo, Alike, amósanos en paralelo a vida dun adulto e un neno: asistimos á alegría inicial e como cada un esmorece na ringleira homoxeneizadora do traballo e a escola, como non dispoñen de tempo para a natureza e a música, representada coma un oasis de cor no medio da cidade gris. Cando van apagándose e palidecendo, recuperan a cor ao final do día, ao dárense unha aperta, ata que xa nin iso resulta. Entón o pai interponse entre o neno e o sistema: nun día máis da cadea, convídao a latar cun xesto e ambos escapan a escoitar o violinista que toca baixo a árbore. Pero xa non está. O neno semella resignarse, mais o pai érguese baixo a árbore e terma nos brazos dun violín imaxinario: para recrear, para o seu neno, a maxia e a posibilidade dunha vida que pague a pena vivir.

Haberá quen diga que é utópico, que hai que comer etcétera. Eu pregúntome polas causas desta renuncia silenciosa de tanta xente que decide non ter fillos. Vivimos no lugar do planeta coa taxa de natalidade máis baixa. É a solución unha gardería aberta 24 horas? Poida que non sexa tan relevante que horas permanece un neno ao coidado doutras persoas, o esencial é o balance global. Nada pasaría se durmisen alí se polo día puidesen ter atención, interacción significativa e apego. O que non podemos é institucionalizar aos nenos e deixalos aí horas sen fin, aínda que logo volvan para a casa durmir, sen tempo nin enerxía para nada máis. Ou eles e nós esmoreceremos coma no vídeo de Alike. E nada nos volverá á cor.