Os tesos

OPINIÓN

24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son bos tempos para esas persoas fatalistas que sempre están a nos anunciar a fin do mundo. Con Trump e ese asteroide, que seica podería caer sobre nós, todos eles teñen xa motivos dabondo para nos quentar a cabeza, sobre todo, se son fanáticos coma eses avogados cristiáns que non deixan de facer ruído e ridículo, a partes iguais, coas súas denuncias iluminadas. Tanto ten que acosen a mulleres que deciden abortar, que vaian ao xulgado con acusacións contra humoristas ou que lle poñan unha denuncia na inspección educativa a unha profesora que manda ler un libro ao seu alumnado que fala de drogas, prostitución e sexo.

A miña avoa materna metía este tipo de xente na clasificación do grupo dos tesos. E esa palabra define moi ben a estas persoas anacrónicas que terían un lugar destacado en épocas inquisidoras, mais non nestes tempos onde a liberdade é unha realidade e unha conquista colectiva. Contra os tesos, os galegos, e non só, temos a retranca, que é unha ferramenta fantástica. Lembro que un dos meus libros tamén foi denunciado nun centro escolar porque seica había nel moito sexo. A directora díxolle á nai que revisase as lecturas que o fillo tiña que ler en castelán, pois nalgunha delas había máis sexo ca na miña novela. Non sei se a nai entendeu esa retranca que subliñaba o seu prexuízo pola lingua galega, e a cousa quedou en nada. Aínda que para tesos, velaí un pai que acudiu á inspección educativa para denunciar un profesor de galego, porque mandaba ler libros de dubidosa calidade, tales coma Os camiños de vida, dun tal Otero Pedrayo. Que pena de asteroide!