O deporte, sen violentos

Mª Carmen González Hermo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En cada agrupación, empresa ou equipo os valores marcan a motivación, a dirección e a meta das súas accións. Superación, competitividade, disciplina, sentido de pertenza ou responsabilidade grupal, son algúns dos valores que se atribúen ao deporte. Cada club e cada equipo tenos presentes.

Polo xeral, cada deportista tamén sabe o que se valora ou se rexeita no seu club; isto axuda a enfrontar dificultades, celebrar logros ou superar derrotas.

E que pasa coas persoas afeccionadas? Botamos man dos nosos principios para ir animar o noso equipo? Preguntámonos se somos conscientes da maneira que temos de celebrar éxitos, superar derrotas e afrontar dificultades e que tamén fala de nós. Somos responsables de que a nosa conduta vaia acorde cos valores do club.

A opresión, o éxito, a superioridade e a violencia tamén son valores humanos. Pero non poden selo no caso do deporte, no que necesariamente para que exista require de logros e de fracasos, de comparación de forza, de competitividade, de apoio das masas.

Non é posible identificar se cada persoa que asiste a unha actividade deportiva é coherente cos principios do deporte, e pode ser que chegado un momento, dada a falta de conciencia que algunhas persoas teñen da propia actitude, se nos enchan as canchas de persoas que defenden valores contrarios á actividade deportiva. Chegado ese momento, o deporte sufrirá unha gran perda: terá que modificar os seus valores e introducir entre eles o medo, a marxinación e a privacidade. Co frío e triste que resulta ver unha competición sen público.

Calquera de nós podemos participar en competicións deportivas, como deportistas ou como espectadores, e somos responsables de escoller xogar os valores nos que cremos. Por iso, desde a psicoloxía do deporte animamos a que reflexionemos sobre o noso propio papel. Igual que sentimos as cores do noso equipo, sintamos os valores cos que saio á rúa, as actitudes que guían as miñas accións e tamén a que tomemos a responsabilidade de ir a aqueles lugares onde poidamos compartilos. A rapazada, a veciñanza ou os nosos clubs non son responsables de que eu escolla que a miña equipación sexa a violencia, a opresión e a superioridade.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifestamos o noso incondicional apoio á práctica deportiva competitiva, respectuosa, inclusiva e pacífica, libre de violencia e na que domine o xogo limpo.