Libros e churros

OPINIÓN

VÍCTOR LERENA | EFE

26 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día alguén asinou en 12 horas 11.088 libros, máis exemplares dos que calquera escritor adoita asinar en toda a vida.

O obxectivo, amais de vender, consistía en bater un novo fito. Nunca lle lin nada e non podo envexar a súa literatura, pero si a morea de fans que converteron en algo industrial un acto tan íntimo e fermoso como dedicar un libro. Xa sei que non convén mesturar allos con cebolas, pero estas manifestacións colectivas reflicten moi ben cara a onde vai unha sociedade mediatizada, arrasada polos fenómenos de masas e as redes sociais.

En cada sinatura sempre hai confesións, confidencias, agradecemento... Mais, se asinas 15 libros por minuto, con catro escasos segundos nos que apenas cabe un saúdo ou unha ollada fuxidía, no que realmente estás a participar é nunha fazaña deportiva. O autor seica estivo a adestrar o pulso das dúas mans, por se era preciso endereitar a caligrafía logo de horas intensas de traballo. O certo é que superou a proba e dixo estar contento, non sei se tanto coma a editora.

Con respecto á sinatura, todos temos algún éxito e máis dun fracaso. Talvez o que máis lembro aconteceu hai anos, nunha das primeiras veces, cando me puxeron a asinar en Vigo, nunha caseta xusto ao lado doutra na que asinaba un tal Boris Izaguirre.

Fica gravada na memoria a longa fileira que el ía despachando ás presas.

Non esquezo as olladas un pouco humillantes que esas persoas deitaban sobre min, nin tampouco o abraio das dúas únicas lectoras que pararon na miña caseta, non sei se por conmiseración, ás que, iso si, atendín con esmero e lles escribín, máis ca unha dedicatoria, unha nova novela, non só para lles amosar o meu agradecemento por estaren alí, senón tamén para agachar o mellor posible a miña intemperie.