As alertas invisibles?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

TERESA SUAREZ | EFE

27 feb 2025 . Actualizado a las 10:42 h.

Un recoñecido cirurxián foi condenado, no 2005, a catro meses de cárcere por descargar pornografía infantil. A pesar diso, continuou a traballar en centros hospitalarios nos que non tomaron absolutamente ningunha medida para evitarlle o contacto con menores. A evidencia pedófila non activa alarmas? Ou é que son invisibles? A inacción é algo que non chego a comprender.

Pasaron unha ducia de anos máis ata que unha veciña, de tan só seis anos, o acusou de abusos sexuais cometidos a través do enreixado que separaba as casas contiguas.

Entraron na casa do presunto agresor e atoparon decenas de bonecas, ás que engadía xoguetes sexuais, fotografías de xenitais de nenos e nenas, material informático con máis de 300.000 arquivos de considerada violencia... e cadernos nos que anotaba as violacións e agresións cometidas a máis de 300 menores que foran pacientes del. Neles amosaba a fachenda de denominarse pedófilo.

Un horror. Centos de horrores.

Unha sobriña xa declarara hai tempo que o seu tío era un monstro e que a súa muller coñecía perfectamente as prácticas que realizaba. Con tal arsenal de material pola casa, entendo que os fillos tamén eran sabedores dos seus crimes e, polo tanto, cómplices.

Estou convencida de que moitas atrocidades podían ser evitadas. Sería suficiente con que tan só unha se puidese eludir para sentírmonos na obriga de intentalo.

Este de Joël Le Scouarnec é outro caso máis de abusos sexuais incomprensible. Non será o último. Cantos máis estamos dispostos a ocultar?