Lembrar e esquecer

OPINIÓN

Donald Trump / Instagram | EFE

28 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Funes el memorioso é un conto de Jorge Luis Borges tan emocionante coma desconcertante. Unha historia sobre un personaxe (Ireneo Funes) que, despois dun accidente, adquire a capacidade de lembrar absolutamente todo, con todo tipo de detalle, e sobre o que iso significa na existencia dunha persoa.

Tamén é un relato ao que volvo acotío, pois na escritura de Borges sempre hai frases que me fan reflexionar. Como cando o narrador, falando de Funes, di: «Sospecho, sin embargo, que no era muy capaz de pensar. Pensar es olvidar diferencias, es generalizar, abstraer», e precisamente nesa idea, a de esquecer e abstraer, é na que me quedei atascada estes días. O ritmo vertixinoso das novas que saen da Casa Branca, e as súas consecuencias arredor do mundo, téñenme atada aos medios dun xeito que non son capaz de explicar. Vou coleccionando titulares (ou datos) ao mesmo ritmo ao que se producen, e sen decatarme, vou perdendo a capacidade de pensar... Supoño que iso forma parte da estratexia de aqueles líderes que están a darlle a volta á política internacional agora mesmo: ao bombardearnos coa información que xeran os cambios radicais que están a promover, conseguen que pouco a pouco perdamos esa capacidade de pensar, deixemos de actuar, e sigamos cara adiante coma se nada.

Non quixera eu ter a capacidade de Funes de lembrar absolutamente todo, pois sería realmente infeliz. Tampouco quixera esquecer todas as atrocidades que están a acontecer neste lugar que habito. Pero hai días nos que me atopo a min mesma pensando que o único xeito que temos de continuar coa nosa existencia é precisamente esquecendo as cousas que pasan arredor de nós, e iso non é bo.