Cartel machista

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Confederación Intersindical Galega, sindicato nacionalista vinculado ao BNG, acusa á conselleira de Política Social, Fabiola García, de non atender como debera as residencias públicas da comunidade e fíxoo cun cartel no que aparece sentada nun sofá, cansa de andar dun comercio a outro para mercar nas rebaixas. Ao seu carón hai un bolso «de marca». Alguén a informa en galego de que os traballadores das residencias de maiores piden máis persoal para atender os ingresos psiquiátricos, e ela responde en castelán: «Buffff me aburren… dígales que no molesten y se pongan a trabajar como yo… Las rebajas me matan!».

Á conselleira faltoulle tempo para cualificalo de panfleto machista, esixir á CIG unha rectificación e pedir a Ana Pontón a súa condena. A líder do BNG non o fixo, pero Inés Rey, alcaldesa socialista da Coruña, largou un mitin en Instagram afirmando que «ningunha muller debe someterse a este nivel de machismo, e que esa viñeta totalmente sexista reflicte o que aínda hoxe sufrimos as mulleres». Rematou cun solidario «moito ánimo, Fabiola».

É así? Estamos ante un cartel machista? Si, pero non sensu stricto. O machismo baséase na premisa de que a muller é inferior ao home, e neste afiche fortemente satírico nada indica tal cousa. Pero a conselleira coida que si, e pregunta á CIG se diría o mesmo ao titular da consellería no caso de ser home. Eu, que nada teño coa CIG nin cos autores do cartel, respóndolle categórico: non; se fose un home, debuxaríano nun bordel, porque o político putañeiro é o tópico equivalente ao da muller política frívola. Do mesmo xeito, se o pasquín atacase unha funcionaria antipática, poñeríana facendo a compra no supermercado en horario laboral; e se o antipático fose un funcionario, poñeríano no café, falando de fútbol e de mulleres con outros colegas, tamén en horas de traballo. Non é un problema de machismo, senón de tópicos simplistas que cómpre erradicarmos da consciencia colectiva, aínda que demasiados políticos e políticas nolo poñan difícil.

E aproveito que o Pisuerga pasa por Valladolid e o Sar e o Sarela por Compostela para repetir o que xa dixen noutros artigos: o heroico movemento feminista non pode sacralizarse e converterse nunha beatería, e os políticos de un e outro sexo non poden ter tanta sensibilidade na pel que se sintan agraviados por calquera burla. Nas 6.000 viñetas que publiquei en La Voz de Galicia vestín de mulleres a ducias de políticos; e a algúns que se vendían ao PP ou ao PSOE, dependendo da oferta, convertinos en prostitutas. Ningún me denunciou, pero non sei que pasaría hoxe. Algo moi grave está pasando nos últimos anos co cambio climático na relación política-humor.