
Co mecanismo da asunción da débeda pactado entre o Goberno de España e ERC, a débeda non desaparece e o Goberno non achega nada. A débeda simplemente pasa das comunidades autónomas ao Goberno Central, pero faino en maior contía das comunidades máis endebedadas.
Xa que logo, os galegos rematarían asumindo máis débeda da que ceden. Así, cada cidadán galego pasaría a deber 220 euros máis do que debe agora porque, por este mecanismo de mutualización, os cidadáns das comunidades máis endebedadas rebaixan o seu nivel de débeda, que pasa a ser repartida a través do Estado entre todos os españois.
Ademais, en aplicación do principio de neutralidade no impacto do déficit e a débeda que recolle o propio acordo, esta operación tampouco xera capacidade adicional de gasto ás comunidades, xa que a débeda e o gasto global non poden aumentar.
Outra consecuencia desta operación é que os intereses págaos quen asume a débeda. De novo, as comunidades beneficiarias aforraranse o pago dunha contía de xuros directamente proporcional ao volume de débeda que se asume polo Estado, intereses que pasan a pagar o conxunto da cidadanía española. Por tanto, todos os españois soportarían a escote ese gasto en forma de menos dispoñibilidade para investimentos ou servizos públicos nos Presupuestos Generales del Estado (PGE).
Por se fose pouco, no que atinxe aos aforros xerados, tal e como acredita a AIReF, ao non computar os intereses para a regra de gasto, «este aforro non xera un maior marxe de gasto noutras políticas públicas» nas autonomías beneficiadas por un menor pago de intereses.
Por tanto, a proposta de asunción de débeda polo Estado non supón nin un euro de capacidade de gasto adicional para as Administracións autonómicas, ni un só euro. Porén, mellorará a posición financeira das que tiñan acumulado un alto nivel de endebedamento.
Este non é o caso de Galicia, que ten acompasado con prudencia ao longo do ciclo económico o seu nivel de gasto aos seus recursos, mantendo o seu endebedamento en niveis baixos e a súa solvencia en niveis altos.
Falamos, pois, dunha proposta inxusta que desalenta o rigor financeiro e fomenta a irresponsabilidade política.
Galicia foi prudente. O seu Goberno non está disposto a entregar este esforzo colectivo a cambio de nada. O acordo do ministerio maltrata a nosa comunidade, desbotando a nosa auténtica prioridade que son uns ingresos suficientes no Sistema de Financiamento, e propoñendo a asunción de 333 euros por habitante inferior á media das comunidades. Os que defenden esta grave discriminación terán que explicar por que o fan.