Paula Alvarellos, valentía e ambición por Lugo

OPINIÓN

Paula, a ti e a min sempre nos uniu o amor por Lugo. Por esta cidade que tanto nos ofreceu desde o primeiro momento en que ambas decidimos que sería o noso fogar, o fogar que eliximos para que crecesen as nosas fillas.
Ese amor polo que queremos coidar e ver medrar foi un aspecto que compartimos en multitude de ocasións nas nosas longas charlas sobre a vida, e sobre Lugo.
Lembro cando te chamei para pedirche no ano 2019 que me acompañases nesta enriquecedora aventura de proxectar unha cidade mellor para a nosa veciñanza. Non o dubidaches. Dixeches que si e entregácheste plenamente, aínda sendo coñecedora de que perderías calidade de vida, que diminuiría o tempo de dedicación a túa familia, que deberías aparcar a túa vida laboral como avogada, que tanto che apaixonaba, e que incluso reducirías os teus ingresos profesionais. Non cho puxen fácil, xa ves, pero entendiches o ofrecemento como unha honra, a de traballar polo ben común. Desde ese momento, o teu compromiso foi intachable.
Foron anos moi duros Paula, cunha pandemia que afrontamos sempre ao pé do canón. O teu traballo á fronte de Persoal foi clave para manter os servizos públicos preparados para atender e protexer a cidadanía nun dos momentos máis duros da nosa historia, así como o teu papel ao fronte da parte económica. Eras a concelleira que ía de mesa en mesa, activando, e ás veces o teu traballo foi menos público, pero axudou a tanta xente!
Eras unha muller seria de carácter, honesta. Coa que se podía contar. Sempre cun bo consello na boca e cun sorriso sereno que calmaba augas.
Loitadora, moi loitadora. Na túa alma de avogada estaba profundamente arraigada a necesidade de acabar coas inxustizas, e nese camiño sempre te atopei, antes aínda da túa etapa ao meu lado no Concello, nas causas feministas e como fiel militante dos valores socialistas.
Así quero lembrarte, Paula. Coma unha amiga e coma unha gran muller, que colliches o bastón de mando da Alcaldía coa mesma entrega e valentía que o primeiro día da túa toma de posesión como concelleira.
Eras imparable. Non era esta a túa hora. Non che tocaba. Estabas apenas empezando o teu proxecto de cidade, desa cidade que amamos, e non é xusto. Tiñas ideas, enfoques e gañas, gañas de estar coa nosa xente, de escoitala. Tiñas ambición por Lugo, Paula, amor por Lugo. Esa era a túa fortaleza.
Amiga, queda o teu legado persoal, profesional e político. Estarás sempre nos nosos corazóns. Ata sempre, compañeira!