
España ten 17 comunidades autónomas, pero hai moito tempo que para o Goberno central só existe unha: Cataluña. Máis concretamente, só existe o independentismo catalán. O resto, Galicia incluída, importamos pouco a Pedro Sánchez e aos seus ministros, sobre todo naqueles territorios nos que o Partido Popular está á fronte.
A pasada semana pasou algo inédito: o luns tivemos que saber por Oriol Junqueras das negociacións sobre a condonación da débeda, e, dous días máis tarde, vimos como Esquerra se encargaba de redactar a orde do día do Consello de Política Fiscal e Financeira. Pero, en ningún caso, Galicia pode ser comparsa do entroido do independentismo catalán, e por iso o conselleiro Miguel Corgos, coa súa veteranía nestas trincheiras, levou a voz cantante e dixo «ata aquí».
Máis que de condonar, estamos falando de condenar. Aceptaría vostede unha quita de 4.000 euros na súa hipoteca a cambio de firmar unha tarxeta revolving ou un préstamo lixo de 6.000 euros? Aceptaría esa quita de 4.000 euros na súa hipoteca mentres o seu irmán, que malgastou os aforros familiares, recibe un regalo de 100.000 euros? Quen no seu xuízo diría que si a calquera de ambas preguntas? Confiaría vostede a súa economía a quen lle recomendase esta ruína? Poría as contas de Galicia, a súa facenda pública, nas mans de alguén así?
A pesar do que afirma o Goberno de Sánchez, non se vai condonar nin un só euro: vaise trasladar a débeda e mutualizala entre todos os españois, con independencia da xestión de cada Goberno autonómico. Por iso, por suposto que é un negocio que a Galicia non lle convén. Quen diga que con isto gañamos algo, ou non sabe facer as contas ou, directamente, non está a contar a verdade.
Non podemos defender que a nosa comunidade teña que cargar con 600 millóns de débeda pública de todas as comunidades a cambio de aforrarse 42 millóns en xuros. Porque a débeda non desaparece, senón que se asumirá entre todos os españois e, de feito, suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis. E por moito que a oposición insista nos seus argumentos, a condonación non implica nin un euro máis de nova capacidade de gasto, e non se pode reinvestir en educación ou sanidade.
Pero, lamentablemente, o BNG e o PSdeG están encantados de participar do entroido independentista. Ana Pontón e Xosé Ramón Gómez Besteiro din non a todo en Galicia e si a todo en Madrid, contribuíndo co seu servilismo a soster o Goberno máis lesivo para a nosa comunidade autónoma desde a restauración da democracia. As galegas e os galegos dixémolo claro o 18 de febreiro de 2024 e dicímolo claro hoxe: si a Galicia!