
Estaba soa. A cuestión é que non quería que o seu traballo se desenvolvese dese xeito, pois sentíase insegura. Belén era educadora social. Levaba un tempo controlando un centro de reforma de menores. A situación nestes centros e nos pisos tutelados é cada vez máis complicada. Os seus traballadores levan meses denunciando o comportamento cada vez máis agresivo dos menores e manifestándose para pedir axuda. Necesitan máis persoal, máis medios, máis medidas de seguridade, máis protección. Pero nada mudou nestes últimos tempos e Belén continuou traballando de maneira responsable, seguramente movida por esa fe na humanidade que ás veces nos cega. O seu obxectivo era axudar aos adolescentes que dependían dela. Por iso, unha noite máis, quedou con eles, coa esperanza de que a luz os encamiñase. Pero só houbo tebras. Os mesmos menores aos que pretendía axudar, asasinárona. Está todo por investigar, pero a conclusión non ten volta. E a reacción da sociedade, tampouco.
Non podemos agardar a que pasen desgrazas deste calibre para dispoñer medidas que as eviten. Calquera persoa traballadora merece unhas condicións dignas e seguras. É inadmisible ter que poñer en risco a vida propia. E, ademais de inadmisible, é innecesario, habitando unha sociedade evolucionada como aseguramos que é a nosa.
Belén estaba soa, e indefensa, porque así a deixaron as institucións que debían velar polo seu bo estado. Desamparada a pesar de ter posto en coñecemento a súa situación e o seu medo.
E agora, que? Laiámonos? De nada serve.