¿Adoptivo? Galego, Alonso Montero

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

María Pedreda

14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño por certo que sabería menos de Galicia se non atopara Conciencia y realismo crítico en la literatura gallega, un libro de 1968 (Ciencia Nueva) onde Alonso Montero, entre outras cousas, nos di: «Castelao no solo es hechizo; es también revelación entrañable del mundo y de Galicia». Un libro co que resultaba doado empezar a entender Galicia. Como tamén sucedeu coa Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, editada por Galaxia en 1965 en castelán, ou con Galicia como tarea e La marginación de Galicia, de Valentín Paz-Andrade; e coas obras de García Fernández Galicia: una economía rural de carácter tradicional, e de Domingo Quiroga La pesca de arrastre en Galicia, ou co seminal El conflicto marisquero en Galicia, de González Vidal. Amais da magna Revista de Economía de Galicia, a de Galaxia nos anos sesenta, non a outra, dirixida por Xaime Isla, daquela en castelán. Sen esquecer a Rafael Dieste, o de Félix Muriel ou El alma y el espejo, nin tampouco a edición en galego por Vicente Risco e prologo de Otero Pedrayo de A familia de Pascual Duarte de C. J. Cela. Obras dos anos cincuenta en diante, sempre na ditadura de Franco, sen as que entender Galicia, coñecela e mesmo facer que exista, sería algo menos que imposible.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Supoño que na nosa cultura e na nosa política existiron, e tal seguen, dous estigmas, ser rojo e escribir en castelán, aínda que se escriba en galego. Alonso Montero, don Xesús, debe ter os dous estigmas. Certo que coma tantos outros.

 

A cuestión cativa, máis ben ruín, vén desas lerias agradecidas do Concello de Lugo, gobernos menores, para nomealo fillo adoptivo, pois seica unha parte da corporación, o BNG, non considera a Alonso Montero digno de tal honra, ao parecer por non ser da súa fratría. E así imos, porque así van.

Polo que toca á súa reclamada militancia comunista, apréciase ben o estigma, pois a ningún Goberno galego acordou concederlle a honra da Medalla Castelao, ou a Medalla de Galicia, de ouro, obviamente. E así imos, porque así van.

Con esa súa xenerosidade reclamaba Alonso Montero, alá polo 2015, en La Voz de Galicia, que «en Galicia, algúns pensamos que hai outro tipo de persoas, algunhas verdadeiramente heroicas, que merecen a Medalla Castelao: que merecen un recoñecemento máximo. Por conseguinte, se reciben a Medalla Castelao, no acto mesmo dignificarana. Sendo inxusto con moitos nomes, escollerei dous: David e Camilo». Escribiu iso hai dez anos. A el tampouco lle alcanzaron esas honras galegas. El segue ofrecendo o seu saber a quen del queira aprender. Como fixo hai uns días nun diálogo, logo dunha conferencia de Henrique Monteagudo sobre Castelao. Quen soubemos del nos anos sesenta naquela librería e editorial Celta de Lugo onde tanto publicou, o mesmo que Manuel María, e de onde nos chegaban libros como Rebelión en la granja en edición porteña, sabemos que el, e moitos dos seus, contribuíron non pouco a facer Galicia.