
O tempo non fai máis que apurar. Nun abrir e pechar de ollos, pasaron dúas lexislaturas e, con isto, Víctor Freixanes deixa de ser o presidente da Real Academia Galega. Teño para min unha honra compartir artigos nesta páxina con el. Aí andamos, coa ferramenta da palabra, buscando un futuro mellor. Gústame coincidir nese levar a mirada ao pasado e reflexionar, ademais de sentir morriña. Freixanes (como adoitamos chamarlle), ademais, sempre mira cara ao futuro. Quizais esa combinación sexa o único camiño posible.
Acaba a lexislatura un presidente con carisma que, a un tempo, amósase próximo a todos aqueles que, dun xeito ou doutro, loitamos pola supervivencia desta nosa lingua. Lembro ir visitar ao alumnado do Colexio Apóstolo de Bos Aires, pois coincidira con eles anteriormente, e de súpeto vinme ao seu carón, dirixíndome a eles no mesmo salón da Real Academia Galega.
Non sei quen ocupará a presidencia da RAG a partir de agora, pero desexo que continúe facendo da institución unha casa coa porta aberta. Nela debe haber lugar para distintos sectores, xeracións e puntos de vista.
Nunha das últimas entrevistas, o ata agora presidente insistía en que a actitude lingüística que debemos tomar é a de dar exemplo, e destacaba os ámbitos social e político. Paréceme atinado. Deixouno claro: desde distintos emprazamentos non hai outra que ir todos a unha. Con esta premisa, a RAG quedará en boas mans. E as túas, Víctor, agora poderán volver ao oficio da pluma, con máis dunha novela por contar.