A tecnoloxía

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

21 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de moito matinar desfíxenme del. Xa non tiña ningún sentido. Estaba aí, aburrido, enriba da mesa do meu apartamento de Nova York, onde hai uns anos que non recibía nada máis que chamadas robotizadas. O Xan levaba tempo dicíndome que non tiña sentido pagar por unha liña telefónica fixa se non a usabamos para nada. E eu respondía falando da remota posibilidade de que se caeran as redes wifi, ou o 5G, polo menos teriamos algo co que comunicarnos. O número levaba connosco máis de vinte anos, durante os cales estiven moitas horas conectada a el. E mentres desconectaba o cable da parede pensaba no rápido que pasaron os avances tecnolóxicos nestas dúas últimas décadas. Esquecera que non hai tanto tempo o teléfono fixo era a nosa única vía de comunicación inmediata, que o da internet non daba para moito, ou era un privilexio; e que as videochamadas non se fixeran populares até a chegada de Skype aló polo ano 2003. Esquecera como era a miña vida antes de todo iso, e dalgún xeito, para min, o teléfono convertérase nunha especie de símbolo desa vida anterior.

Nos tempos da intelixencia artificial, non paro de pensar no ritmo que leva a tecnoloxía agora mesmo, pois fai que pareza que esa transición que tivemos do fixo ao móbil fora realmente lenta. En dous anos a IA xa forma parte das nosas vidas, e isto so é o comezo, pois se esa IA que din que pode realizar as tarefas cognitivas dun ser humano, a «intelixencia artificial xeral» (AGI nas súas siglas en inglés), se converte en algo real, entón os cambios que se producirán no noso xeito de entender a vida son para min inescrutables. E aí xa non haberá desconexión posible, non haberá volta atrás.