Entender a Mazón

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

22 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu a Mazón enténdoo perfectamente. Se a lei de expresidentes da Comunidade Valenciana establece que, no caso de rematar a lexislatura como president de la Generalitat, ademais do tratamento vitalicio de Molt Honorable Senyor, terá durante quince anos unha oficina de apoio con dous asesores, coche e chofer, e unha paga anual de 75.000 eurazos, como vai dimitir cando lle faltan uns meses para que lle caia esa bévera? O que agora lle importa a Mazón é Mazón, e agárrase á cadeira de presidente como unha carracha e non o arrincan nin con auga fervendo.

En 1905, o toureiro Luis Mazzantini cortou a coleta porque —dixo— «en el toro hay que tener vergüenza torera», e meteuse a político. Mazón fixo o mesmo: ía para cantante, pero desafinaba e pasou á política, onde tamén desafina, pero se notou menos ata que topou con todos os elementos desbordados e amoreados na dana. Entón mentiu tanto, foi tan torpe, tan covarde e inmoral ao tentar responsabilizar da traxedia o Goberno e os servizos estatais de meteoroloxía que a súa actuación recorda día a día e paso a paso a de Aznar no 11-M, cando quixo atribuír a ETA os atentados xihadistas. A última canallada de Mazón —por agora— foi a manipulación da conversa que mantiveron unha meteoróloga da Axencia Estatal de Meteoroloxía e unha empregada de Emerxencias da Generalitat. Collendo a gravación a pouquiños, un anaco de aquí e outro de acolá, Mazón alimenta a teoría do suposto apagón informativo. Por certo, a tensión estalle cambiando o rostro ao president e, por un casual ou non, os ollos de foca, a desmesura da zona nasolabial, a retracción do queixelo perfilan un retrato de Mazón Grey que leva camiño de rematar cuspidiño a Aznar Grey.

Pero eu entendo o pacto de Mazón con Vox e a asunción da ideoloxía ultra, mesmo no idioma e na terminoloxía. El sabe que Feijoo non o quere e que confía na Xustiza para resolver o problema de quitalo de diante, e, claro, vivía nun sen vivir en si; tan anguriado que —seino por xente próxima a el— polas mañás non deixaba a cama ata comprobar que os xornais non traían a súa esquela política. Feijoo debería coñecer o perigo do medorento. «Do que teño medo é do teu medo» é frase sabia atribuída a Shakespeare. O medo de Mazón levouno a botarse primeiro en mans de Pedro Sánchez e do Goberno, e agora nas de Vox. Pódeo facer e explicalo con Groucho Marx porque é certo: «Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros». O importante do acordo con Vox é poder afirmar que «no voy a dimitir y seguiré con determinación». A ver como remata a cousa, pero a día de hoxe a regalía prevista na lei de expresidentes cántalle no papo.