O libro galego e a tarántula

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

M.MORALEJO

25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Confeso que levei un susto importante cando nada máis soar o espertador collín o móbil me saíu aquela nova que informaba de que «Galicia di adeus á lectura de gas», porque a noticia saíame cortada na pequena pantalla do meu Android barateiro e só puiden ler «Galicia di adeus á lectura». Levei un susto, así, case sen abrir os ollos, ao tempo que pensei: en fin, nada que non agardáramos. Seguro que se refire á lectura de libros en galego. Edítase moi ben e moito. Pero lese pouco. A penas un 8 % do total dos libros que se venden en Galicia. O susto foi pasando mentres quitaba as lagañas. Esas cousas xa as sabía. Doen. Pero xa as sabía.

Ao tempo que gañamos premios nacionais de literatura en todos os niveis (adultos, infantil, xuvenil, ensaio), a lectura na nosa lingua non acaba de despegar. Hai un desfase brutal entre o ben que teoricamente nos vai e como nos vai en realidade. Semellamos un avión grande coma o Air Force One pero non chegamos ao nivel de avioneta de recreo. Igual nos pasou como ao piloto aquel e, no intre do despegue, nos trabou unha tarántula e estamos eivados por iso e, como tamén informaban as novas, a trabadura foi nun momento crítico. Igual é que recibimos unha picadura dun becho feísimo que ten o aspecto dos moitos séculos que levamos tentando sacarnos de enriba complexos ou autonoxo. Reparen nun dato: temos máis premios nacionais que os cataláns. E só en Barcelona hai máis xente que en toda Galicia.

Así pois, non é cuestión de falla de calidade.

As nosas autoras e autores non só son premiados e recoñecidos (Manuel Rivas este ano co Premio das Letras que dá o Ministerio de Cultura polo conxunto da súa obra), senón que ademais son traducidos a outras linguas con bastante regularidade. Antes só acontecía coa literatura infantil e xuvenil. Agora, tamén coa literatura para xente grande. Así pois, co libro galego pasa como con todo o que está en galego: de primeiras, sospeita; de segundas, desconfianza. E logo, se hai recoñecemento fóra (do castelán), igual un chisco de caso. Isto vale para a lectura en galego, para o teatro feito en galego, para a música cantada en galego… para todo o que teña a nosa fala como elemento central do produto cultural.

Este non é un artigo que queira chorar. Senón evidenciar unha traxedia: se só o 8 por cento da poboación galega lle fai algo de caso á súa propia produción literaria (ollo, o 8 % dos que mercan libros!) pois daquela temos un problema. O que non sei é se as galegas e os galegos perciben isto como un problema ou, sen máis, lles importa nada. Igual todo está relacionado. Coma as tarántulas e os avións.