O embolado de Altri

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1987, o todopoderoso Alfonso Guerra meteu nun embolado a Francisco Vázquez, alcalde de A Coruña, ao lle recomendar o urbanista Ricardo Bofill para mellorar a cidade. Bofill predicaba un dogma urbanístico: «La ciudad que no es mediterránea no es nada», e no seu proxecto A Coruña pasaba a ser unha nova Atenas. Paco saíu do embolado con astucia ao someter o proxecto á opinión da cidadanía, que o rexeitou horrorizada. O presidente Alfonso Rueda está tamén nun embolado, pero non pode sometelo a plebiscito porque Altri é un proxecto do PP e debe defendelo con uñas e dentes. No 2021, o conselleiro de Medio Rural, José González —hoxe de Emprego, Comercio e Emigración—, informou a representantes do PSdeG e do BNG de que a Xunta crearía cos fondos Next Generation da UE unha fábrica de fibra téxtil con árbores coníferas —nada de eucaliptos— e non contaminante; un proxecto punteiro en Europa que cumpría manter en secreto. Era Altri, a macrocelulosa que a conselleira de Medio Ambiente di que non é unha macrocelulosa, pero é unha macrocelulosa que creará problemas ecolóxicos e sociais irreversíbeis e a metade dos postos de traballo prometidos.

O presidente Rueda esixe á oposición rigor nas súas críticas, e ten razón. Cando Ana Pontón di que «o PP resucita o franquismo das celulosas» fai a mesma demagoxia que a conselleira María Xesús Lorenzana cando reduce a manifestación na Pobra do Caramiñal a «comunismo do século XXI» e censura a Besteiro por axudarlle a soster a pancarta á líder do BNG. Rueda fala da rigorosa valoración do proxecto realizada por máis de corenta técnicos da Xunta, pero nin ver quere o informe do Consello da Cultura Galega, unha institución con carácter de órgano asesor e consultivo da Xunta, con criterio independente e credibilidade. Ao prestixioso arquitecto Chipperfield —que cualificou a decisión da Xunta de «extremadamente decepcionante» e recordou que o futuro de Galicia non é Altri, que a riqueza e o futuro de Galicia están no seu capital natural e que o medio ambiente é o seu tesouro— despachouno cun «non sei se ten toda a información».

E aos milleiros de galegos sen nome, que non queremos Altri, dinos con versos de Serrat: «Niño/ deja ya de joder con la pelota./ Niño/ que eso no se dice, que eso no se hace/ que eso no se toca».

Porén, eu vou dicir algo do Camiño de Santiago, do Camiño Francés, que fóra de Galicia perde peregrinos cada ano pola imprudencia da Xunta, que recoñece camiños a esgalla; e do arcebispado de Santiago, que concede a Compostela a quen sae de excursión e fai os últimos cen quilómetros. O Camiño non pode ser unha marca de Galicia Calidade. O Camiño é —ten que ser— fe, ruta e entorno; o entorno afectado por Altri, que non vai contribuír a recuperar unha espiritualidade que esmorece.