
Aitor Esteban deixa o Congreso dos Deputados e eu teño a sensación de que marcha o último político elegante, o último dos que facían o seu traballo baseándose nas palabras calmadas, sen deixar de ser asertivas ou simplemente asépticas.
Non necesitou altercados nin aldraxes. Recibía a mesma atención ca os que os usaban, incluso máis. Deixando á parte as ideas, a quen non lle gustaba escoitalo?
Deberiamos esixir esta actitude a todos os políticos. Se facemos unha análise do noso sistema, deixa moito que desexar. Para despedirse, o vasco elixiu un discurso sinxelo e sentido e insistiu, coa mesma elegancia e serenidade habitual, en que a política é moito máis ca ruído. O problema é que o boureo está a ocultalo todo.
Non me estraña o que contaba Xabier Fortes hai uns días. Un paisano parouno pola rúa para, sobre todo, pedirlle que transmitise unha mensaxe aos políticos: sede educados. Aseguráballe que custara moito chegar á democracia da que gozamos hoxe, que non a estraguemos con insultos, golpes ou faltas de respecto. Non os votamos para o espectáculo que nos ofrecen.
O home dicía de si mesmo non ter moitos estudos, pero asegúrolles que amosa unha educación exquisita. É curioso que isto pase ao tempo que se despide Aitor Esteban, un dos últimos exemplos desa democracia na que as ideas se defendían doutro xeito. Estamos afeitos a escoitar aos nosos representantes. Que tal se poñen eles o oído por unha vez? Si, queremos educación e calma. Así deben representarnos, co que demandamos.