
A vida agasalloume coa oportunidade de traballar con algunhas persoas excepcionais. Nunca podo esquecer a Carlos Casares, pero arestora estou pensando en Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Andrés Torres Queiruga, Marilar Aleixandre e Fina Casaldarrey, con quen formei equipo ao longo dos últimos doce anos na directiva da Real Academia Galega. Anos que me permitiron coñecer por dentro a institución, o seu persoal e o seu funcionamento, as súas posibilidades, e as súas necesidades. E que me ensinaron a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia, a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outras institucións, cos responsables políticos e cos medios de comunicación.
O balance deses doce anos, en termos de reorganización do traballo, racionalización da xestión e proxección da Academia cara ao conxunto da sociedade, é rechamante. É certo que hai doce anos o clima inicial dentro da corporación estaba enrarecido, pero non o é menos que hoxe reina a cordialidade, o que non impide que se expresen críticas e se debatan distintos puntos de vista. Porén, non temos vagar para recontar méritos nin agravios, porque temos unha sociedade que agarda de nós luz sobre os problemas actuais. O primeiro deles, a situación de emerxencia do noso idioma. Desde 2010, a Academia publicou máis de dez declaracións, análises e chamamentos alertando contra políticas restritivas, lesivas ou simplemente ineficaces. O último, aprobado no 2024, foi o informe coa análise crítica dos datos sociolingüísticos e a declaración institucional en que se reclamaba, unha vez máis, un pacto político e social pola lingua galega. Non nos cansaremos de insistir na urxencia dese pacto, imprescindible para mudar o rumbo e así garantir o porvir do noso idioma. A Academia pode contribuír a desatrancar o camiño cara a un acordo, se a Xunta e os partidos políticos lle dan a oportunidade de facelo.
Asemade, imos seguir procurando novas formas de exercer a nosa responsabilidade na defensa da lingua. Sen abandonarmos a análise crítica, cómpre afondar nunha liña propositiva, en sintonía coas iniciativas que xorden do corpo social, desde os clubs deportivos ata os colectivos xuvenís de distinto tipo. Os medios materiais de que dispomos son escasos, pero posuímos un capital simbólico e un caudal de coñecementos moi importante, que imos seguir investindo en fomentar a sensibilidade social cara ao idioma, alentar iniciativas creativas e visibilizar experiencias enriquecedoras.
En definitiva, a Academia vai afondar, con pulo renovado, nas liñas emprendidas nas pasadas décadas: elaboración rigorosa de instrumentos de normalización e consulta (dicionarios, gramática, onomástica, toponimia), estudo, promoción e valorización da nosa cultura e das nosas letras, portas abertas á sociedade, presenza constante nos medios de comunicación e nas redes sociais, colaboración coas institucións e cos colectivos cidadáns (incluíndo a diáspora), atención á infancia e mocidade, emprego intensivo das novas tecnoloxías, estreitamento das relacións con Portugal e o Brasil... Nos anos vindeiros teremos ocasións para volver por volta destes e doutros asuntos. En diálogo co presente, traballando sen acougo, imos gañar o futuro.