Bloquéote, se podo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamáronme ducias de veces preguntando por José Carlos Neira. Por suposto, nin idea de quen é. Non existe, é un nome ficticio do que se apoderaron distintas compañías para captar a nosa atención e, a seguir, rompernos a cabeza. O curioso é repetir o mesmo nome: José Carlos Neira. Está? Preguntan, sabendo que aquí non é. A maior parte das veces colgo, porque sei o que segue: unha oferta. Dá igual dunha compañía de teléfonos, seguros, saúde... Porén, hai días que, xa ben farta de bloquear números e seguir recibindo chamadas, intento razoar con eles.

Nunha das ocasións díxenlle: «Xa está ben, non cren que é un exceso chamar a diario preguntando pola mesma persoa?». Pois aínda me preguntaron se as outras veces me contactaran desa empresa, que igual estes eran outros. Ou sexa, están todas no allo usando idéntica estratexia.

O peor de todo é que, doutra da veces que lles recriminei este acoso telefónico, acabaron dicíndome que o que querían de min era un bico! A situación, ademais de pesada, volveuse incómoda. Desta vez colgaron eles.

Así que, como eu intento bloquear estas chamadas e non dou feito a intentalo, desde aquí fago un chamamento a José Carlos Neira. Debe de estar forrado, pois búscano para vendérenlle infinidade de produtos. Así que, por favor, señor Neira, colla vostede o teléfono, que hai moita xente tratando de poñerse en contacto con vostede e amosan moita insistencia. Debe de ser de vital importancia. Nós, ademais, agradecerémosllo, que tanta chamada pon de mal humor.