
Teño a impresión de vivir nun mundo tan confuso e tan manipulado que é imposible saber que é o que realmente sucedeu e o que está a suceder ante nós. Por exemplo, unha moza presenta unha denuncia contra o futbolista Dani Alves por violala nos baños dun local público. El asegura que non coñece a esa moza e que nunca a viu. Varias testemuñas oculares aseguran o contrario, e nos vídeos das cámaras de seguridade do local véselle con ela. Ante eses testemuños, o futbolista cambia a súa declaración e asegura que o que sucedeu alí foi consentido pola moza. A min paréceme que as súas mentiras son unha proba de culpabilidade, que fan incomprensible a súa absolución final. Tal absolución baséase en que a moza foi voluntariamente co futbolista ao baño. E é obvio que sabía que non era para rezar o rosario. O que tamén é obvio, e, con todo, non se considera, é que a moza non se esperaba o que sucedeu alí. Unha cousa é darse uns bicos cun tío famoso e presumir despois coas amigas, e outra moi distinta é dar o consentimento para unha relación completa. Poida que a moza en cuestión fose das que provocan e logo non cumpren, que teñen un nome que non repito por respecto aos meus lectores . Pero o certo é que ata chegar a un acto sexual consentido hai un longo treito que a moza non quixo percorrer. E estaba no seu dereito para negarse.
Outro caso incompresible é o da morte dunha nena de cinco anos a mans do noivo da súa nai, pero iso comentaréillelo outro día, porque é deses casos que claman ao ceo e ante os que non basta con lamentarse. Hai que colaborar coas posibilidades de cada un para poñerlles remedio.