Vivo rodeado de libros

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Ana García

13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante as longas semanas da pasada pandemia, a miña muller e mais eu dedicámonos a ordenar a biblioteca. Trinta mil libros, quizais algúns máis, en gran parte resultado da miña actividade como editor, actividade practicamente ininterrompida dende finais dos anos oitenta ata principios do novo século. Durante semanas, digo, dedicámonos a ordenar aquel mundo que por outra banda nos trasladaba á adolescencia, os primeiros textos, as primeiras descubertas, e que, ordenados por temas e preferencias, conforman unha crónica da nosa vida dende os días do bacharelato e a universidade á actualidade: novela, poesía, ensaio literario e político, xornalismo, feminismo, sindicalismo, teorías da comunicación… E lingua galega, naturalmente, clásicos e contemporáneos.

Trinta mil libros outra vez necesitados de organización, moitos deles agardando a lectura. Cóntase unha anécdota atribuída ao catedrático Luis Iglesias, cando se xubilou da Universidade de Compostela, que algo ten que ver con isto. Preguntoulle un xornalista en que pensaba ocupar o tempo, agora que xa non tiña dependencias académicas, e respondeu o profesor: «Teño na casa a colección completa de Austral. Vou empezar polo número un e ata onde chegue». A colección Austral, de Plaza&Janés, naceu en Bos Aires en 1937. O primeiro título era La rebelión de las masas de Ortega y Gasset. Era a primeira colección de peto importante que se publicaba na edición española, a imitación da experiencia británica de Penguin, e anterior aos libros de Alianza Editorial, con cubertas deseñadas por Daniel Gil. A mediados dos anos setenta, a colección Austral xa sumaba 2.000 títulos.

Non sei ata onde chegou o profesor Iglesias. Tampouco ata onde chegaremos nós. Mais cada vez que sento na biblioteca da casa, ateigada de volumes, penso nos mellores amigos, que sempre están aí e nos acompañan dende hai tantos anos, e mais naquel soneto de Francisco de Quevedo que fala de retirarse á paz dos desertos «con pocos pero doctos libros» para escoitar cos ollos (a lectura) a memoria dos defuntos. Non é o caso, certamente. Boa parte dos meus defuntos están vivos. Pero dende a máis intensa intimidade e ao longo do tempo, a lectura transpórtanos a universos e experiencias que ningunha outra arte na miña opinión consegue. Pracer e coñecemento. Información e amizade.

Nunca lle agradecerei abondo a aquel libreiro do chambo de San Domingos, en Pontevedra, que por primeira vez puxo nas miñas mans a Sonata de outono de Valle-Inclán. Daquela, os rapaces consumiamos preferentemente novelas de Marcial Lafuente Estefanía e Silver Kane, que editaba Bruguera e que cambiabamos por 50 céntimos os luns para que nolas deixasen levar á casa a fin de semana. Valle-Inclán, da man daquel libreiro, bastante antes que os profesores, descubriume a literatura, coma quen abre un portelo de luz que había de cambiar o mundo.