Nin un pelo de Trump

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Brendan McDermid | REUTERS

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Trump non ten nin un pelo de parvo, por iso toma as decisións que toma, pensando exclusivamente nel. A cuestión é o punto de vista que dirixe a súa cabeza, que é totalmente egoísta. Se a intención fose enxalzar o seu país, e non só o patrimonio propio, o comportamento sería distinto. Por se fose pouco, vai despeiteado, co que os pelos parvos non serán, pero atolados si.

A devandita cabeleira non é cuestión a tomar a broma, pois por mor da mesma modificou unha lei coa que se pretendía reducir o consumo de auga (e, polo tanto, coidar do planeta), porque lle resulta moi incómodo lavar o pelo con pouca presión. Así que: fóra coa lei. Con esta orde executiva revogou as restricións de caudal de auga en duchas, inodoros, lavalouzas e outros electrodomésticos, eliminando regulacións ambientais destinadas ao aforro de auga e enerxía. Distintas organizacións ambientais afearon o xesto, conscientes de que isto implica o derramamento de auga de xeito incontrolado, todo simplemente porque el quere sacar o xampú da cabeza con facilidade.

Fai e desfai ao seu antollo. Non só quita e pon aranceis mentres xoga cos investimentos e se enriquece, tamén impón ou derroga leis segundo lle vaia o aire e lle mova a melena. É temerario; porén, o máis ousado foi poñelo a dirixir o mundo. Si, o mundo, porque as súas decisións afectan dunha a outra punta do planeta. Sábeo e ri sarcástico saboreando o seu poder. Por se fose pouco, é despectivo, maleducado e soberbio. Non quero saber nin dun pelo de Trump.