
Convidado polos amigos da Universidade da Coruña, en marzo do 2013 Mario Vargas Llosa visitou a Real Academia Galega, na rúa Tabernas. En realidade o seu interese viña máis pola memoria de Emilia Pardo Bazán, pero a visita atinxiu o conxunto da institución, e asinou nos libros de honra cunha dedicatoria especial para a autora de Los pazos de Ulloa na que, como modesto académico, lle pedía desculpas en nome da RAE pola inxustiza de non tela aceptado nesa institución. Como os lectores saben, a academia española rexeitou no seu día a candidatura da autora pola súa condición de muller. Afortunadamente algo mudaron os tempos para ben.
Algúns anos antes, Ernesto Sánchez Pombo e mais eu presentáramos na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela a súa novela La fiesta del Chivo, sen dúbida un dos grandes textos do autor. Coido que daquela tamén estaban Darío Villanueva e Carlos Casares, nunha sala ateigada de público, sobre todo estudantes. Non tiven máis oportunidades de conversar co novelista, fóra dun encontro moi esporádico en Madrid, nos meus días da dirección de Alianza Editorial.
Pouco simpatizaba eu cos posicionamentos políticos de Vargas Llosa, ben diferentes dos seus compromisos dos primeiros anos. Pero seguía admirando (sigo admirando) o novelista, o gran construtor de artefactos narrativos, brillante arquitecto. Xa se verá o que queda do seu pensamento político. A opinión case sempre é circunstancial e moitas veces efémera. Mais as súas novelas son auténticos prodixios que no seu día nos abraiaron e seguen abraiándonos, pola súa forza, pola súa enerxía, polas súas temáticas e pola súa extraordinaria capacidade para evocar mundos e personaxes, especialmente os de carácter histórico ou con referentes periodísticos. La ciudad y los perros, Conversación en La Catedral, La guerra del fin del mundo, Historia de Mayta, Lituma en los Andes, La fiesta del Chivo, El sueño del celta... son títulos que, sen renunciar á ficción, enmarcan tempos históricos, crónicas que interpretan acontecementos reveladores, eficacísima combinación entre o real e o imaxinado, entre a documentación do xornalista e a fabulación.
Débolle a descuberta da obra de Vargas Llosa, e de boa parte da literatura latinoamericana, ao profesor Xosé María Viña Liste na facultade, alá nos primeiros días de La casa verde e de Conversación en La Catedral, novela á que aínda volvo de cando en vez. Cada xeración ten os seus referentes, que son diversos e plurais, como corresponde ao tempo que vivimos. Sen desmerecer outros, ben máis próximos a nós, os narradores do chamado bum latinoamericano, no que deberíamos incluír autores do Brasil como Jorge Amado ou Rubén Fonseca, Clarice Lispector despois (non cito a Nélida Piñón porque para min é unha autora galega), foron guieiros fundamentais dos primeiros pasos da literatura. Nas aulas aquelas de Compostela, nos anos 69, 70 e 71, están as primeiras descubertas.