Enerxía escura flutuante?

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

NASA | EUROPAPRESS

21 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudando as ecuacións da teoría da relatividade xeral de Einstein, o físico e crego belga Georges Lemaître comprendeu en 1927 que o Universo se expande: a distancia que separa a nosa galaxia doutras lonxanas aumenta (sen necesidade de que elas se movan). De aí sacou a idea do Big Bang. En 1998, Perlmutter, Schmidt e Riess descubriron que esa expansión é acelerada (levaron o Nobel en 2011); ou sexa, o Universo infla cada vez máis rápido. Cadrei con Saul Perlmutter na Universidade de Cambridge poucos días despois da cerimonia do seu Nobel e comentaba que algunha xente aínda dubidaba do seu descubrimento, porque é o máis abraiante da física contemporánea, xa que implica que ten que haber unha enerxía descoñecida (enerxía escura) que acelera ese inflado, e resulta que esa enerxía supón o 70% do Universo coñecido. Cando dentro de mil anos nos libros de historia se analice o cambio do segundo ao terceiro milenio, o feito máis destacado será que a humanidade descubriu unha gran parte do Universo que lle estaba oculto.

Agora, tras un titánico labor de medida de distancias a millóns de galaxias (canto máis lonxe se mira, máis no pasado se mira), parece que esa aceleración non foi sempre igual, que é menos forte agora que no pasado. Ou sexa, que a enerxía escura podería estar esmorecendo co tempo.

Que é a enerxía escura? Unha quintaesencia dunha forza descoñecida? Brota do propio espazo-tempo, do baleiro? E por que flutúa co tempo? A saber o segredo que agocha e as portas que nos abrirá. Oxalá non haxa que esperar mil anos para desvelar este misterio.